O Foro Territorio Rural Resiliente centrouse na planificación do territorio cunha xornada en Lugo

A segunda das mesas de traballo do Foro Territorio Rural Resiliente celebrouse na sede do IBADER – Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, baixo o título “A ordenación de usos e instrumentos de planificación no rural”.
A ordenación e planificación dos usos do territorio rural centraron en Lugo centraron a xornada, cun proceso de reflexión colectiva impulsado pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. A iniciativa reúne persoas expertas e representantes de distintos ámbitos para analizar os desafíos do rural galego e propoñer liñas de actuación.
Durante a sesión, especialistas procedentes do ámbito académico, institucional e profesional debateron sobre a necesidade de mellorar as ferramentas de planificación e xestión do territorio rural.
Unha das primeiras conclusións do encontro foi que a complexidade das normativas existentes, xunto coa falta de coordinación e complementariedade entre as distintas regulacións sectoriais, dificulta a súa aplicación efectiva sobre o territorio.
O obxectivo xeral desta mesa de traballo foi reflexionar sobre a situación actual da planificación territorial no rural, analizar os instrumentos existentes e detectar as súas limitacións, coa finalidade de identificar posibles melloras que permitan avanzar cara a un territorio máis activo, organizado e resiliente.
A reunión forma parte dun proceso máis amplo que culminará o 28 de maio en Santiago de Compostela coa celebración do foro final, no que se presentarán as conclusións das distintas mesas de traballo.
O obxectivo é fomentar un espazo de diálogo amplo que permita abordar os retos do territorio desde diferentes perspectivas. O foro parte da constatación de que o territorio galego experimentou profundas transformacións nas últimas décadas, como a concentración da poboación, o abandono de terras agrarias ou a expansión forestal, cambios que obrigan a repensar a súa organización e xestión.
As mesas de traballo constitúen o núcleo deste proceso participativo. En cada unha delas participan entre 15 e 20 persoas expertas e representantes de diferentes sectores vinculados ao rural, que analizan problemas, revisan políticas e instrumentos existentes e formulan posibles accións para mellorar a xestión do territorio.
As conclusións que xurdan destas sesións servirán de base para o debate do foro final, onde se buscará avanzar cara a unha visión compartida do territorio rural galego e cara a estratexias capaces de afrontar os desafíos demográficos, climáticos e económicos que afectan ao rural. O obxectivo último da iniciativa é contribuír a un territorio rural máis activo, resiliente fronte aos incendios e preparado para afrontar os retos económicos, demográficos, climáticos e ambientais a través dunha mellor ordenación e xestión territorial.