O fotógrafo Álvaro Lamas expón a súa mostra 'Capturando a Natureza' en Lugo

LugoXa
A concelleira Maite Ferreiro destacou que esta mostra é "unha oportunidade única para mergullarse no mundo natural a través da mirada de 'Lost in Woodlands Photography'
exposición-de-Álvaro-Lamas-no-Vello-Cárcere
21 Mar 2025

A exposición 'Capturando a Natureza', do fotógrafo Álvaro Lamas xa está exposta no Vello Cárcere de Lugo despois de percorrer distintas localizacións das comarcas de Ferrolterra e Ortegal, e ofrece aos visitantes a oportunidade de adentrarse na fermosura dos paisaxes de Galicia e outras comunidades do norte de España.

O fotógrafo mugardés transporta ao espectador a algúns dos lugares máis emblemáticos e fermosos de Galiza, como Ferrolterra, Ortegal e a Mariña Lucense, así como a outras rexións como Asturias, Cantabria e Navarra. Cada paisaxe é retratada cunha visión única, que reflicte a súa conexión persoal coa natureza.

A concelleira Maite Ferreiro destacou que esta mostra é "unha oportunidade única para mergullarse no mundo natural a través da mirada de Lost in Woodlands Photography, o proxecto de Álvaro Lamas, co que pretende facernos redescubrir a beleza e o encanto do noso entorno natural desde unha nova perspectiva".

O propio autor da mostra, Álvaro Lamas, explicou que 'Capturando a Natureza' pode parecer un título xenérico, pero "representa a esencia mesma do meu proxecto: capturar aqueles lugares e paisaxes que me sorprenden pola súa beleza, esplendor, maxia ou encanto. Ás veces son grandes paisaxes: fervenzas ruxentes, xélidos lagos de montaña ou solpores vertixinosos sobre acantilados. Outras, un pequeno cogumelo agochado entre follas pode representar un mundo enteiro e levarme a pasar media mañá no chan para capturalo".

A exposición estará aberta ao público no Vello Cárcere ata o 16 de maio, sendo unha das principais citas culturais da cidade nestes primeiros meses do ano.

A mostra complementa a oferta expositiva deste espazo, que tamén acolleu recentemente a inauguración da exposición 'Ritos e rituais de inverno' de Maite Ferreiro, que permite ver máis de oitenta máscaras do Entroido portugués de Trás-os-Montes.

⚙ Configurar cookies
0.099415063858032