O fotógrafo Brais Lorenzo fará unha visita guiada pola súa mostra 'Habitar o baleiro' en Lugo

LugoXa
As fotografías van acompañadas de textos das xornalistas Claudia Morán, que acompañará a Brais; Lucía Abarrategui, Manolo Broa e Sergio Pascual
Habitar-o-baleiro-Museo-de-Lugo
10 Apr 2025

O fotógrafo Brais Lorenzo e a xornalista Cláudia Morán impartirán esta tarde de xoves, ás 19.00 horas unha visita guiada pola mostra de fotografías e textos Habitar o baleiro do Museo Provincial de Lugo.

O proxecto fotográfico e de textos do colectivo do mesmo nome, que se dedica a documentar o despoboamento e a vida no rural de Galicia, estará dispoñible ata o vindeiro 20 de abril.

A exposición reúne corenta imaxes capturadas polo fotógrafo Brais Lorenzo ao longo dunha década, no contexto do seu traballo de documentación do rural galego, principalmente nas provincias de Lugo e Ourense.

As fotografías van acompañadas de textos das xornalistas Claudia Morán, Lucía Abarrategui, Manolo Broa e Sergio Pascual, que xunto con audios e vídeos conforman unha experiencia inmersiva para o visitante.

A exposición aborda temas como a soidade, o illamento ou o abandono en zonas con maior perda de poboación en Galicia, pero tamén ofrece unha visión máis positiva do rural, como a revalorización do sector primario ou o Entroido como ferramenta de reivindicación cultural e da protección do territorio. Entre os lugares documentados, atopamos concellos como Folgoso do Courel, Cervantes, Chantada ou A Fonsagrada.

A mostra ofrece unha reflexión profunda sobre os retos e as posibilidades do rural galego, sendo unha oportunidade para sensibilizar sobre a realidade do despoboamento e a importancia da súa preservación.

⚙ Configurar cookies
0.18380093574524