O frautista Iago López Núñez dará un concerto este sábado no Círculo das Artes de Lugo

A Sociedade Filharmónica de Lugo organiza un destacado concerto o vindeiro sábado 15 de marzo de 2025, ás 20.00 horas, no Círculo das Artes de Lugo, no que actuará o flautista Iago López Núñez, gañador do 1º Premio do Concurso de Interpretación Musical Xosé Castiñeira 2024.
López Núñez estará acompañado polo Ensemble Filharmónica, integrado por Rebeca Maseda (violín), Manuel Fernández (violín), Diego Segade (viola), Virginia del Cura (violonchelo) e Andrea Vilar (piano).
O concerto incluirá un variado programa con obras de grandes compositores do repertorio clásico e contemporáneo: o Cuarteto con frauta en Re maior nº 1, K. 285 de W. A. Mozart, o Trío para frauta, violonchelo e piano H.300 de Bohuslav Martinu, e o Cuarteto de cordas en Fa maior, Op. 96 «Americano» de Antonin Dvořák, ofrecendo así un percorrido musical que combina elegancia clásica, riqueza expresiva e sonoridades modernas.
O Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo, organizador do Concurso de Interpretación Musical Xosé Castiñeira, impulsa esta iniciativa co obxectivo de motivar ao alumnado das distintas especialidades instrumentais mediante a interpretación pública de obras pertencentes ao repertorio solista do seu instrumento. Ademais, busca poñer en valor a figura de Xosé Castiñeira, compositor, arranxador, teólogo e director de coro, considerado unha das primeiras persoas en compoñer música relixiosa en galego e un dos compositores máis destacados da cidade de Lugo.