O Gaiás ofrece visitas virtuais polo Portomarín antigo co proxecto Galiverso

LugoXa
A experiencia de realidade virtual poderá visitarse de maneira gratuíta, con reserva de praza, no Museo Centro Gaiás desde hoxe.
galiverso vello portomarin
21 Nov 2023

A experiencia de realidade virtual poderá visitarse de maneira gratuíta, con reserva de praza, no Museo Centro Gaiás desde hoxe.

A Xunta impulsa un novo proxecto de dixitalización do patrimonio que reconstrúe e permite visitar a antiga vila de Portomarín tal como era antes de quedar asolagada polo río Miño en 1963 coa construción do encoro de Belesar. Esta nova experiencia intégrase dentro do Galiverso na Cidade da Cultura, unha iniciativa que amosa dunha maneira diferente e aberta a riqueza histórica e natural do país mediante o uso da realidade virtual.

Máis de 250 casas cos seus tellados característicos de lousa, as cepas e a vexetación circundante, o río, e edificios emblemáticos como o Hospital de Peregrinos e a igrexa de San Nicolás —trasladada pedra a pedra a unha nova localización antes do asolagamento— foron recreados ao detalle en Galiverso. O vello Portomarín.

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila, presentou onte a iniciativa no Museo Centro Gaiás, xunto co director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. No acto tamén estiveron o alcalde de Portomarín, Pablo Rivas, veciños da vila, e o equipo de investigadores en patrimonio e especialistas en arte dixital e programación que fixeron realidade esta nova experiencia virtual.

Os profesores de Historia da Arte da USC e membros do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), Jesús Ángel Sánchez García e Julio Vázquez Castro; os especialistas do Centro Infográfico Avanzado de Galicia, Carlos Paz de Lorenzo e Anxo Miján Maroño, e Carlos Seijo, do estudo dixital Maxina, forman parte do persoal implicado nesta nova andaina do Galiverso.

Manuel Vila destacou o amplísimo traballo realizado por este equipo multidisciplinar, cen por cento galego, para traer de novo á vida o vello Portomarín, ofrecendo a posibilidade de coñecer de primeira man como era a aquela vila á beira do vello leito do río Miño. Tamén fixo mención especial ás máis de 40.000 fotografías que José López, de Foto Pereira, realizou para documentar os traballos de traslado dos edificios e a memoria de cada unha das casas da localidade.

Estas fotografías, as entrevistas cos veciños, así como os filmes conservados na Filmoteca de Galicia foron fundamentais para reconstruír con rigor científico a arquitectura, orografía e paisaxe anegadas polas augas, explicou o profesor Jesús Ángel Sánchez García no acto.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subliñou tamén a expansión do Galiverso dentro do Museo Centro Gaiás como parte da súa aposta por ampliar a oferta de contidos culturais ligados á arte dixital. A experiencia pioneira de Carne y Arena, o Galiverso e a próxima aventura sensorial Hábitats. Natureza estendida, que se inaugurará en decembro, son mostra dunha liña de traballo fundamental na que se afondará co futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia.

Xornada profesional

O Galiverso. O vello Portomarín deuse a coñecer previamente, na Cidade da Cultura, a profesorado, persoal investigador e especialistas en historia e patrimonio. Nesta xornada, promovida pola xefa do servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería e coordinadora do Galiverso, Fátima García, o público especializado puido camiñar polas antigas rúas da vila e coñecer de primeira man o potencial das novas tecnoloxías no campo da investigación científica.

O Galiverso. O vello Portomarían intégrase como unha nova experiencia dentro da oferta do Galiverso no Museo Centro Gaiás. Estará dispoñible a partir do 21 de novembro, de martes a venres en horario de tarde de 16,00 a 20,00 horas, así como sábados, domingos e festivos (excepto luns), de 11,00 a 14,30 e de 16,00 a 20,00 horas. A visita é gratuíta con reserva de praza a través de Ataquilla.

As persoas visitantes poden elixir, antes de colocar as lentes de realidade virtual, se desexan subirse ao submarino virtual de Galiverso somerxido ou camiñar polo vello Portomarín. A idade mínima para poder acceder ao Galiverso son os 8 anos, e as nenas e nenos menores de 12 anos deberán estar acompañadas dunha persoa adulta responsable.

0.1938898563385