O Garañón será transformado nunha gran zona verde: o Concello de Lugo inicia a modificación do PXOM

LugoXa
O proxecto, que abarcará os 10.950 metros cadrados do URPI-58, busca consolidar este espazo como unha área recreativa e de esparexemento no corazón da cidade de Lugo
parque-Rosalía-zona-verde-O-Garañón
27 Jan 2025

O Concello de Lugo dá comezo á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para converter o ámbito de O Garañón nunha gran zona verde.

O proxecto, que abarcará os 10.950 metros cadrados do URPI-58, busca consolidar este espazo como unha área recreativa e de esparexemento no corazón da cidade de Lugo.

O ámbito inclúe unha pequena superficie destinada a viais, 1.590 metros cadrados para equipamentos públicos vinculados a subministracións, como o abastecemento de auga ou o sistema eléctrico, e a maior parte, 8.178 metros cadrados, será habilitada como unha zona verde pública.

“Con este cambio normativo avanzamos na nosa folla de roteiro para lograr o dobre obxectivo de protexer este espazo e permitir que todas e todos os lucenses poidan gozar dunha área recreativa en pleno corazón da trama urbana. Ademais, conectarase coas Costas do Parque e o Rosalía de Castro, mellorando a conexión do Centro Histórico co entorno do río Miño a través dun corredor verde que encaixa co modelo de cidade no que vimos traballando”, destacou a alcaldesa, Paula Alvarellos.

APOIO DA XUNTA DE GALICIA

A modificación, que será aprobada na próxima Xunta de Goberno Local, conta coa avaliación ambiental favorable da Xunta de Galicia e co informe positivo de diversos servizos técnicos municipais.

“É un avance moi importante que require un proceso administrativo garantista. Os técnicos municipais están cumprindo paso a paso a folla de ruta. Unha vez rematada esta fase inicial, poderemos dar novos pasos para acadar o obxectivo final: protexer a nosa cidade e poñer estes terreos ao servizo da cidadanía”, engadiu a rexedora.

O proceso comeza coa aprobación inicial na Xunta de Goberno Local, seguirá coa súa elevación ao pleno municipal e abrirase un período de información pública. Posteriormente, recompilaranse os informes sectoriais necesarios antes da aprobación provisional e definitiva, que tamén será debatida en sesión plenaria.

 

⚙ Configurar cookies
0.16786599159241