O GES de Monterroso visitou aos nenos do campamento
O alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, acompañou ao persoal do GES Supramunicipal de Monterroso na súa visita aos nenos e nenas que participan no campamento de verán que organiza o Goberno local para amosarlles o traballo que desempeñan.
Durante unha hora e media dous efectivos do GES ensináronlles aos nenos e nenas o funcionamento dos camións, dos equipos de respiración, a cámara térmica ou os grupos de excarcelación.
Tamén responderon todas as súas curiosidades sobre incidencias, incendios forestais e urbanos ou como actuar no caso de accidentes. Tras a visita, algúns deles aseguraron que serán bombeiros e bombeiras.
O rexedor de Monterroso agradeceu as explicacións do persoal do GES aos nenos e nenas para que coñezan máis de preto o seu labor, ao tempo que aproveitou para trasladarlles o seu recoñecemento polo traballo que fan día tras día.