O Goberno aproba a ocupación de terras na Serra de Meira para evitar o desbordamento do Rato
O Consello de Ministros acordou este martes a ocupación con carácter urxente dos bens e dereitos que se verán afectados polas obras para reducir o risco de inundación pola crecida do río Rato, na contorna da glorieta da rúa Serra de Meira, en Lugo.
Segundo o convenio aprobado, as obras estarán ao cargo da Confederación Hidrográfica Miño Sil cunha execución de 650.000 euros de presuposto. A CHMS farase cargo do 75% da obra e o Concello do resto, que supón uns 162.00o euros.
Trátase dunha zona na que se producen inundacións de forma habitual cando hai tormentas. Precisamente, este pasado domingo o río Rato desbordouse por mor dunhas intensas choivas, con saraiba, que afectaron a toda a cidade de Lugo en maior ou menor proporción, e que deixou baixos e outras edificacións como a estación de autobuses ou o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) totalmente anegados.
Desta forma, foi decretado o nivel laranxa que comezou no mediodía desa xornada cunha precipitación acumulada nunha hora de ata 30 milímetros. Ademais, activaron a alerta amarela por tormentas no sur e montaña de Lugo.