O Goberno de Lugo da o visto e prace á contratación da peonalización de Gallego Tato
O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que a Xunta de Goberno celebrada hoxe aprobou a contratación da peonalización da rúa Gallego Tato, no barrio da Piringalla, avanzando nas actuacións nas contornas escolares. O tenente alcalde afirmou que “hai dous anos e medio comezamos a executar actuacións de calmado de tráfico nas contornas dos centros escolares, e agora continuamos coa mellora das zonas escolares cun novo plan de humanización que comezará no colexio Luís Pimentel”.
O Goberno de Lugo adxudicou os traballos cun orzamento de 235.950€, e un prazo de execución de 4 meses á empresa Portosar. Con esta actuación crearase unha nova zona de estancia, onde se instalarán bancos, mesas e fontes, xunto con árbores e arbustos, que xerará un ambiente máis saudable e con zonas de sombra no verán.
O proxecto de obra define a nova zona como oasis no tecido urbano, dado que propón a implantación de material vexetal como elemento acondicionador da nova zona, co obxectivo de mellorar a calidade ambiental na contorna do colexio.
Arroxo destacou que “este é o centro de ensino que conta con máis estudantes na cidade, e está situado nunha zona na que conflúen centros de ensino, instalacións deportivas e un centro social, polo que se fai necesario contar cun espazo humanizado para o desfrute da veciñanza”.
“Este proxecto será o espello no que continuar avanzando na humanización dos centros de ensino, tal e como nos veñen solicitando tanto as directivas como as asociacións de nais e pais dos distintos centros”, explicou o Tenente Alcalde, que engadiu “seguiremos traballando para continuar a humanizar e embelecer a cidade creando espazos útiles para a as persoas”.