O Goberno de Lugo impulsa a contratación do alumnado dos obradoiros

LugoXa
Con incentivos económicos ao tecido produtivo, o obxectivo é propiciar a inserción laboral do alumnado que neste momento se está a formar no CEI Nodus no ámbito das TICs, o marketing e a comunicación.
cei nodus centro empresarial lugo
22 Ago 2023

Con incentivos económicos ao tecido produtivo, o obxectivo é propiciar a inserción laboral do alumnado que neste momento se está a formar no CEI Nodus no ámbito das TICs, o marketing e a comunicación.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, animou ao tecido produtivo lucense a solicitar as axudas de 1.500 euros para a contratación do alumnado do obradoiro Lugo Sostible 5.0, que se está a impartir de forma presencial nas dependencias municipais do CEI Nodus.

“O obxectivo destes incentivos é facilitar a inserción laboral das persoas que se están a formar no ámbito das TICs, o marketing e a comunicación”, explicou a rexedora.

O obradoiro, que chegará ao seu remate –logo de 12 meses– a finais se setembro, está organizado pola área de Dinamización Económica e, durante o seu desenvolvemento as e os participantes están a recibir o salario mínimo interprofesional. Deste xeito, Méndez apuntou que “coa posta en marcha destas iniciativas, non só ofrecemos unha formación remunerada, senón que agora tamén queremos favorecer o seu acceso ao mercado laboral, contribuíndo a xerar novos postos de traballo no municipio”.

“Promovemos así, dende o Concello, unha formación con futuro, que teña saída laboral, e o facemos, ademais, dun xeito que resulta triplemente atractivo para a poboación, en tanto lles permite ter uns ingresos mensuais mentres adquiren coñecementos en áreas cun importante nicho de mercado, ao tempo que promovemos a súa contratación posterior”, explicou.

No obradoiro están matriculados 15 alumnos, de entre 26 e 69 anos. Conta con tres especialidades formativas: Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web (5 alumnos); Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos (6 alumnos); e Xestión de marketing e relacións públicas (4 alumnos). As accións propostas contemplan a obtención do certificado de profesionalidade de Nivel 3.

“Tendo en conta o perfil do estudantado, o obxectivo é facilitar a súa reincorporación ao mercado de traballo, nun segmento profesional novo para moitas e moitos deles e cunha ampla demanda de profesionais”, incidiu Méndez.

Axudas de 1.500 euros á contratación

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, sinalou que os incentivos á contratación temporal por conta allea xa espertaron o interese dalgunhas empresas lucenses.

“Teñen por finalidade facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas participantes no obradoiro, xa que a contratación temporal terá unha duración mínima de 3 meses a tempo completo e deberá comezar nos quince días seguintes á finalización do mesmo, o vindeiro 29 de setembro”, indicou.

Repetto Morban informou tamén de que o prazo de solicitudes permanecerá aberto até o 8 de setembro.

“Poderán ser entidades beneficiarias destes incentivos á contratación as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, cuxa actividade estea directamente relacionada coa formación impartida no Obradoiro de Emprego”, afirmou o edil.

Os contratos temporais incentivaranse cunha subvención fixa de 1.500 € por cada traballador/a, correspondente ao contrato mínimo de 3 meses a xornada completa.

Toda a información atópase na páxina web, onde tamén se encontra o formulario de solicitude que deben presentar.

0.1929919719696