O Goberno de Lugo renova o asfalto do treito final da avenida das Américas
O Goberno de Lugo activa de cara ao final desta semana a renovación do asfalto no treito final da avenida das Américas, no treito comprendido entre as rúas Pomar e Manuel Leiras Pulpeiro. Os traballos, que comezarán mañá xoves 25 e teñen unha duración prevista de dous días, farán necesario o corte do tránsito de vehículos neste treito durante a primeira xornada de traballos.
Para o venres 26, prevese permitir circular por un dos dous carrís en ambos sentidos, para o que se instalará a sinalización pertinente, tratando de producir sempre as menores molestias posibles á veciñanza.
A solución adoptada consiste na aplicación dunha capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, o que asegurará que a intervención sexa duradeira. Dende o Goberno de Lugo continúase a traballar na mellora dos viais de Lugo, mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños que a diario utilizan estas rúas.