O Goberno de Lugo ultima a presentación dos Orzamentos municipais de 2025

LugoXa
Rubén Arroxo destacou que os orzamentos do Concello de Lugo "permitirán seguir a avanzar na recuperación do espazo público para as persoas, no aforro enerxético e na mellora dos espazos urbanos"
equipo-de-goberno-lugo-orzamentos
16 Jan 2025

Os representantes do equipo de Goberno mantiveron esta mañá no salón de comisións da Casa do Concello o último encontro dos numerosos que se celebraron ao longo dos últimos meses co obxectivo de confeccionar os orzamentos municipais para o presente exercicio. Deste xeito, unha vez concluído o traballo de deseño dos distintos capítulos no que todas e todos os integrantes do Executivo recompilaron as necesidades e definiron os proxectos para executar dentro das súas áreas de xestión, ultímase a presentación do documento para a súa posterior aprobación.

“Os Orzamentos para 2025 elaboráronse de forma conxunta a través dun traballo colaborativo tanto a nivel técnico como político realmente frutífero que deu como resultado unhas contas que se adaptan á realidade do noso municipio, cobre as súas necesidades e permítenos avanzar no ámbito económico, social e cultural. Ademais, cínguese á necesidade de reequilibrar a estabilidade económica tras anos dun enorme esforzo inversor para combater ás sucesivas crises sanitarias, sociais e de prezos que enfrontamos nos últimos anos”, sinalou a alcaldesa.

“Deste xeito, conxugando todos estes factores, mantemos a folla de roteiro definida no noso pacto de goberno, sempre co obxectivo común e ineludible de avanzar no noso proxecto de cidade e na mellora da calidade dos servizos prestados día a día á cidadanía”, concluíu Alvarellos.

Pola súa banda, Rubén Arroxo destacou que os orzamentos do Concello de Lugo "permitirán seguir a avanzar na recuperación do espazo público para as persoas, no aforro enerxético e na mellora dos espazos urbanos", e engadiu "continuamos coa decidida aposta do Goberno pola cultura local e de base, poñendo en valor ás e aos artistas de Lugo". "Os orzamentos municipais de 2025 permitirán que sigamos a avanzar na cidade dos 5 minutos, un Lugo no que todas as persoas teñan a menos de 5 minutos unha zona de estar ao aire libre", afirmou Rubén Arroxo.

0.16848707199097