O Goberno de Lugo urxe á Xunta a executar os fondos para levar a cabo o Museo da Romanización

O Goberno local de Lugo reclama á Xunta de Galicia que dea o paso definitivo para executar os 500.000 euros previstos nos orzamentos autonómicos deste exercicio destinados á recuperación do cuartel de San Fernando, co obxectivo de converter este emblemático edificio no futuro Museo da Romanización de Galicia.
Este proxecto é considerado clave para poñer en valor o legado romano da cidade e consolidar Lugo como capital cultural e patrimonial de Galicia.
A tenente de alcaldesa, Ana González Abelleira, criticou a falta de avances e lembrou que o compromiso da Xunta leva máis dunha década sen materializarse. “Falamos dun proxecto estratéxico, tanto para Lugo como para Galicia, que continúa esquecido pola falta de vontade política do Goberno galego. Os fondos existen, pero seguimos sen ver un só paso adiante e non hai a comunicación necesaria para que o proxecto avance”, subliñou.
O Concello lembrou que Lugo conta con máis de 15.000 pezas arqueolóxicas dos períodos altoimperial e baixoimperial, recuperadas nas escavacións realizadas desde os anos noventa, que permanecen almacenadas sen poder ser divulgadas nin aproveitadas debido á inacción da Xunta, única administración competente nesta materia. “Non é lóxico nin xusto que a capital da romanización galega non dispoña dun museo para mostrar esta riqueza patrimonial incomparable”, destacou a edila.
González Abelleira tamén sinalou o agravio comparativo con outros proxectos do país: “O Executivo de Rueda investirá máis de 17 millóns no Pazo de Lourizán, en Pontevedra, mentres en Lugo seguimos agardando a que se execute un investimento xa orzamentado e claramente insuficiente, que só representa o 2,9% do orzamento do pazo pontevedrés. Isto amosa a discriminación que sofren os lucenses”.
Por iso, o Goberno local instou á Xunta a deixar atrás os anuncios baleiros e pasar aos feitos. “É hora de que se cumpra o orzamentado, sen polemizar con cada asunto que incumbe a ambas administracións, que se respecte a Lugo e se dea un paso firme para facer realidade o Museo da Romanización de Galicia. É unha cuestión de xustiza histórica e de equidade territorial”, concluíu González Abelleira.