O Goberno insiste en que a "única consecuencia" do traslado da sala do 091 será o reforzo policial na rúa

LugoXa
A subdelegada do Goberno asegura que co cambio haberá máis axentes nos traballos de investigación e velando pola seguridade dos lucenses
servizo 091 policía nacional
18 Feb 2021

O peche da sala do 091 da comisaría da Policía Nacional en Lugo para centralizar o servizo na Xefatura Provincial da Coruña segue a xerar movementos a favor e en contra. Este xoves, unha representación da Federación provincial de Asociacións de Veciños reuniuse coa subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez, quen lles trasladou que a "única consecuencia" para Lugo do peche da sala será "o aumento do número de policías que realizan labores de investigación".

Isabel Rodríguez explicoulles que a medida forma parte do Plan Estratéxico da Policía Nacional "que se puxo en marcha no ano 2017, e fora aprobado polo Ministerio do Interior en 2016". Froito deste plan, que ten a finalidade de "conseguir maior eficacia e rapidez de resposta nas intervencións policiais", implementáronse xa tamén os centros intelixentes de mando, atención, comunicación e control.

A subdelegada lembrou que foi precisamente no ano 2017 cando se suprimiron as salas do 091 das comisarías locais de Viveiro e Monforte, "sen que os veciños perderan calidade na atención", unha situación que comparou coa vivida tamén en cidades como Santiago de Compostela ou Ferrol.

Rodríguez insistiulles aos representantes veciñais en que as administracións, "igual que as familias, están obrigadas a optimizar os recursos" e que esta medida "non causará prexuizo ningún" aos lucenses. En canto ao funcionamento do servizo centralizado na Coruña manifestou que “funcionará igual de ben que o fan outros servizos de emerxencias, como o 112, por exemplo, que tamén está centralizado”.

“En definitiva, Lugo non perderá policías, senón que haberá máis policías na calle e nos traballos de investigación, velando pola seguridade dos lucenses, que é o noso único obxectivo”, concluíu.

reunión subdelegada e federación veciños sala 091
0.17283797264099