O Goberno local analiza coas e cos veciños a colocación do mobiliario urbano no centro histórico

Representantes da Asociación de Veciños Centro de Lugo reuníronse co alcalde da cidade, Miguel Fernández, acompañado pola concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, e técnicos municipais, para analizar a distribución e colocación do mobiliario urbano nos espazos recentemente peonalizados do casco histórico.
A visita incluíu un percorrido por diversas rúas e prazas, no que tamén participaron o xefe de obra, a dirección facultativa e o persoal técnico, co obxectivo de revisar sobre plano e in situ a localización de bancos, papeleiras, xardineiras e outros elementos que contribuirán a mellorar estes espazos públicos.
Durante o encontro, a Asociación de Veciños trasladou outras demandas, entre as que destacou o mal estado dalgunhas rúas utilizadas polos vehículos mentres continúan as obras noutras vías. O alcalde comprometeuse a atender estas deficiencias, indicando que “a intención do Goberno Local é actuar sobre o deterioro que sofren estas rúas, en canto sexa posible”.
Un dos puntos destacados da visita foi a praza de Santo Domingo, onde se prevé a colocación de novo mobiliario e melloras no xardín, como a prantación de dúas árbores para substituír os rododendros secos.
Tamén se percorreu a zona de Montevideo, Bolaño Rivadeneira e Quiroga Ballesteros, no treito que vai desde o colexio ata a rúa San Froilán. Neste ámbito, o proxecto contempla a instalación de bancos como parte esencial do proceso de humanización das rúas. Atenderanse peticións como o calce dos bancos nas zonas con pendente, para garantir maior comodidade. Ademais, incorporaranse xardíns con céspede e flores, e alcorques con árbores, completando así a transformación verde destes espazos urbanos.
O alcalde subliñou que “na medida do posible estamos intentando adaptarnos ás demandas da Asociación de Veciños Centro de Lugo. Temos claro que a nosa principal prioridade é gañar espazos para a cidadanía e facer un Lugo máis aberto e humano, pero tamén debemos ter en conta outros factores como os accesos ao centro dos residentes, os vehículos de emerxencia, os servizos de limpeza e as empresas de carga e descarga”.
Estas actuacións forman parte dun ambicioso proxecto de revalorización do centro histórico, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza e dinamizar a vida urbana nun entorno máis accesible e sostible.