O Goberno local de Lugo abre unha consulta pública sobre a Zona de Baixas Emisións

LugoXa
O Concello de Lugo articula este proceso participativo que ten por obxectivo recompilar achegas da veciñanza para que posteriormente se elabore a ordenanza da futura ZBE
Proceso-baixas-emisións-Lugo
16 Nov 2024

O Goberno local de Lugo abre unha consulta pública para incorporar achegas cidadás á futura ordenanza que regulará a Zona de Baixas Emisións. Deste xeito, o Goberno local continúa avanzando na elaboración da ordenanza da futura ZBE acoutada dentro do Centro histórico.

Así, e cumprindo coa normativa vixente, o Concello de Lugo articula este proceso participativo que ten por obxectivo recompilar achegas da veciñanza para que posteriormente os técnicos que traballan na confección do documento poidan avaliar a súa idoneidade para incorporalas ao texto final.

A cidadanía pode facer chegar as súas opinións a partir do luns e por un prazo de 15 días hábiles indicando o seu nome e apelidos ou denominación social, mediante correo electrónico dirixido a ordenanzazbe@lugo.gal. Poderán participar nesta fase de consulta pública aqueles cidadáns e cidadás, empresas, organizacións e asociacións que consideren que resultan parte interesa pola futura norma.

As Zonas de Baixas Emisións son áreas urbanas co acceso, a circulación e o estacionamento dos vehículos regulado. O propósito principal das ZBE, obedece ao imperativo ao que obriga a Lei de Transición Enerxética para os concellos de máis de 50.000 habitantes e que vén definida pola lexislación europea. O seu obxectivo é mellorar a calidade do aire nas áreas urbanas, reducindo o consumo de combustibles fósiles e mitigar os efectos do cambio climático.

0.40374803543091