O Goberno local de Lugo colaborará con asociacións para promover o comercio

LugoXa
“Grazas a este apoio que ofrecemos dende o Concello cada unha destas entidades porá en marcha diferentes iniciativas coas que dinamizar a economía local", sosteñen
Campaña-comercio-Lugo-O-Camiño-con-AELU
8 Nov 2024

O Goberno local de Lugo colaborará con máis dunha decena de asociacións sen ánimo de lucro do municipio para poñer en marcha proxectos cos que dinamizar a economía e xerar emprego no municipio.

O Concello de Lugo vén de publicar na páxina web municipal e no taboleiro de anuncios a resolución definitiva de solicitudes estimadas dentro da convocatoria de subvencións para este tipo de entidades que desenvolven a súa actividade no eido da dinamización económica e levan a cabo proxectos de fomento do emprego en Lugo.

Así o informou o edil Mauricio Repetto, quen explicou que “se trata de axudas, por un importe total de 18.045 euros, para promover que o tecido asociativo da cidade leve a cabo iniciativas que dinamicen a economía lucense”.

En concreto, son once as entidades beneficiarias: a Asociación Xóvenes Emprendedores Lucenses (AXEL); a Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU); a Asociación Lugo en Pé...na Defensa do Rural; a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa; a Asociación de Distribuidores de Hostalaría e Alimentación de Lugo (ADISLUGO); a Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (ASOPORCEL); a Asociación de Empresarios da 1a Transformación da Madeira de Lugo; a Asociación Corazóns Artesáns; a Asociación de Empresarios de O Ceao e As Gándaras; a Federación de Asociacións do Ámbito Social de Lugo (FADAS); e a Asociación de Veciños Parque Rosalía Recatelo.

“Grazas a este apoio que ofrecemos dende o Concello cada unha destas entidades porá en marcha diferentes iniciativas coas que dinamizar a economía local. Por exemplo, dende AXEL desenvolverán o proxecto ‘Comprométete con Lugo’, mediante o cal, ao longo deste mes de novembro calquera persoa que posúa un tiquet de compra no pequeno comercio da cidade con data posterior ao 15 de outubro, levará un agasallo de balde”, explicou o edil.

Para recoller este obsequio, a Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses colocará un posto en diferentes lugares da cidade cun anel como protagonista e símbolo de compromiso da cidadanía co pequeno comercio lucense.

Así mesmo, a Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo tamén puxo en marcha, ao abeiro destas axudas, a campaña ‘O Camiño con AELU’ para fomentar as compras nos establecementos de proximidade. A través desta iniciativa cada persoa que merque nos comercios adheridos terá a posibilidade de optar a un agasallo directo, para o cal deberán ir selando un pasaporte.

O día 22 de novembro de 17.00 a 20.00 horas instalarán unha caseta diante do Concello na que todas as persoas que leven o seu pasaporte selado recibirán un premio. O concelleiro lembrou que “con esta nova convocatoria queremos seguir brindando apoio a todas aquelas iniciativas e proxectos locais cos que se acade a xeración de emprego”.

Neste senso, Repetto puxo en valor “o traballo e implicación do tecido asociativo a nivel local” ao tempo que manifestou “a colaboración e a man tendida que mantén a administración local con estes colectivos como piar fundamental do municipio”.

Para a valoración e concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, tivéronse en conta criterios obxectivos e de calidade dos proxectos como o número de persoas asociadas á entidade, o número de anos de experiencia e implantación en Lugo, o fomento da dixitalización, a innovación ou a sostibilidade, a execución de actividades de formación e de participación da cidadanía a través da organización de eventos como feiras, mercadillos, congresos ou actividades de dinamización e networking.

As achegas, que teñen unha contía máxima de 2.000 euros, coa que se pode cubrir até o 90 % da acción, están destinadas a asociacións e entidades sen ánimo de lucro que tendo a súa sede e domicilio social en Lugo, teñen recoñecidos nos seus fins estatutarios a realización de actividades de fomento da promoción económica, comercio, formación empresarial e para o emprego, empresarial, hostalería eu creación de emprego a través de proxectos que pretenden a mellora económica do municipio de Lugo.

0.16579008102417