O Goberno local de Lugo contratará o novo servizo de control de pombas na cidade
O Goberno local de Lugo informa de que contratará o novo servizo de control de pombas na cidade para os vindeiros cinco anos por preto de 90.000 euros.
O Executivo de Paula Alvarellos optará así por aportar máis medios, recursos e unha maior especialización a este servizo, ao tempo que é escrupuloso coa Lei de Benestar Animal e co resto da normativa vixente.
Así, a área de Transición Ecolóxica dá continuidade ao servizo, incidindo no control de pragas e en zonas con sobre poboación, unha tarefa que permite manter baixo control o número de exemplares na cidade.
O concelleiro en funcións desta área, Mauricio Repetto sinalou que “o obxectivo é evitar os danos que as concentracións de aves producen en parques, zonas verdes, mobiliario urbano, edificios e rúas”.
O novo contrato terá unha vixencia de tres anos, prorrogable por dous, o que suporá un investimento de 89.600 euros para os vindeiro lustro. O servizo incorpora varias melloras respecto ao anterior contrato, principalmente mediante a incorporación de máis medios e recursos, e dunha maior especialización da empresa encargada de acometer estes traballos, co obxectivo específico da limitación do número de exemplares destas aves na cidade, conseguindo reducir o seu tamaño poboacional.
A maior especialización do servizo se refire a un cadro de persoal entre os que se atopa un licenciado en bioloxía, encargado dos estudos poboacionais e censos; unha persoa licenciada en Veterinaria; e aló menos dous técnicos especializados en control de fauna.
O concelleiro de Transición Ecolóxica en funcións sinala ademais que “os métodos de intervención deberán asegurar o control do número de pombas na cidade de Lugo, coa redución da poboación ata uns mínimos aceptables, para o que se levarán a cabo distintas actuacións mediante elementos axeitados para a captura en vivo das pombas”.
Metodoloxía do traballo
No que respecta á metodoloxía de traballo, o novo servizo realizará ao inicio do contrato un censo da poboación de pombas que empregan os espazos públicos da cidade e outros enclaves, así como un mapa de diagnóstico.
Dito censo levarase a cabo cada tempada, para establecer unha comparativa cos resultados da campaña do ano anterior, determinar os principais problemas e as zonas que precisan dunha maior intervención.
Polo que atinxe á control poboacional, Mauricio Repetto explica que “o control de pombas na cidade realizarase basicamente mediante elementos axeitados para a captura en vivo das pombas, podendo ser complementados con outras técnicas incruentas para as aves e inocuas para a poboación, como trampeos en vivo fixos ou móbiles na zona urbana”.
O novo servizo realizará visitas periódicas para prestar especial atención á detección de posibles aparicións ou formacións de pombais urbanos, polo que se procederá a súa localización, notificación e estudio para o seu cerramento ou para a execución de actuacións encamiñadas a súa captura total e a súa erradicación.
Tamén se estipula que a evolución dos traballos e da situación poboacional das aves se reflicta nun informe mensual, que recolla a súa vez as memorias semanais de seguimento e a evolución e eficacia dos traballos realizados.