O Goberno local de Lugo está a renovar o asfalto de diferentes treitos da Rolda do Carme

Rubén Arroxo, tenente alcalde de Lugo, anunciou que o Goberno local está a renovar o asfalto de diferentes treitos da Rolda do Carme.
Arroxo explicou que "esta rúa conta cunha importante presenza de augas subterráneas e acolle un tráfico bastante elevado, o que fai preciso que o mantemento sexa periódico para garantir a seguridade viaria".
O Goberno de Lugo intervirá nas zonas afectadas executando unha renovación integral do asfalto, construíndo unha nova capa de rodadura para o tráfico rodado baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, ademais da reconstrucción do firme en todo o seu espesor, para evitar novos defectos que afecten á capa de rodadura, xunto co pintado de nova sinalización horizontal.
"Continuamos a traballar na mellora dos barrios da cidade e dos accesos aos mesmos, aumentando a calidade de vida das veciñas e veciños", explicou Rubén Arroxo, que lembrou que a área de Mobilidade e Infraestruturas planifica as intervencións de mellora dos espazos públicos segundo as peticións e solicitudes veciñais e cun importante traballo de visitas aos barrios.