O Goberno local de Lugo impulsa unha nova ordenanza para actuar ante o abandono e reactivar o parque de vivenda

O Goberno local de Lugo levará á Xunta de Goberno a aprobación inicial dunha nova Ordenanza de Conservación, Edificación e Rehabilitación de Inmobles, unha ferramenta estratéxica que permitirá desbloquear actuacións urbanísticas hoxe paralizadas, mellorar a capacidade de intervención do Concello ante situacións de ruína ou deterioro e reforzar a protección do patrimonio construído.
A proposta chega tras meses de traballo técnico e busca modernizar o marco normativo municipal, adaptándoo ás recentes leis urbanísticas estatal e galega, ao tempo que introduce mecanismos xa testados con éxito noutras cidades como Santiago, A Coruña ou Ferrol.
O alcalde de Lugo subliñou que se trata dunha medida clave para "gañar seguridade xurídica, actuar con axilidade e protexer o dereito a unha vivenda digna e ao patrimonio da cidade". O novo texto substitúe dúas normativas municipais xa superadas polos cambios lexislativos: a ordenanza sobre edificacións a rehabilitar de 2009 e a relativa á conservación de 2013, ambas publicadas no Boletín Oficial da Provincia, e que quedaran obsoletas tras a entrada en vigor da Lei 1/2019 de rehabilitación e rexeneración urbanas de Galicia.
A nova ordenanza persegue obxectivos fundamentais como garantir o acceso a unha vivenda digna, protexer os edificios existentes, reactivar a recuperación de vivenda e dotar ao Concello de máis capacidade legal e técnica para intervir ante situacións de abandono. Ademais, simplificará os procedementos administrativos, establecerá criterios de actuación claros e blindará a seguridade xurídica dos expedientes, un aspecto clave para avanzar sen bloqueos.
O documento unifica nun só texto todas as obrigas relativas á edificación, conservación e rehabilitación, e incorpora medidas contundentes para facer fronte ao incumprimento reiterado das persoas propietarias, como as multas coercitivas, a execución subsidiaria das obras, e mesmo a expropiación, a venda forzosa ou a substitución da persoa propietaria por outra que asuma as actuacións pendentes, sempre mediante procesos garantistas.
Unha das novidades da ordenanza é a obriga de presentar informes de avaliación nos edificios de vivenda colectiva con máis de 50 anos e nos inmobles catalogados, co obxectivo de planificar e anticipar mellor as necesidades de conservación do parque edificado. Unha vez aprobado inicialmente, o texto será sometido a exposición pública e, tras resolver as alegacións que se presenten, será levado ao Pleno para a súa aprobación definitiva.