O Goberno local de Lugo insta á Xunta a reconsiderar o uso de materiais artificiais
A área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo mostra a súa “preocupación polo uso de materiais artificiais como céspede sintético e formigón” na ornamentación das infraestruturas situadas en estradas de titularidade autonómica dentro do municipio.
Así, súmase ás críticas do BNG, que xa o pasado 13 de decembro, e a través do concelleiro nacionalista de Lugo, Alexandre Penas, denunciaron que "mentres que desde o BNG tratamos de aumentar as zonas verdes e as zonas de céspede na cidade, a Xunta elimínaas".
“Este tipo de actuacións da Xunta van en contra dos principios de sostibilidade e responden a unha política que busca reducir custos a costa do medio ambiente,” afirmou o edil en funcións de Transición Ecolóxica, Mauricio Repetto.
Desde Transición Ecolóxica tamén se recorda que os elementos naturais, ademais do seu valor ornamental, desempeñan un papel esencial na loita contra o cambio climático. “Non só embelecen as nosas cidades, senón que contribúen de forma directa á redución de gases de efecto invernadoiro, protexendo a biodiversidade e creando espazos máis sostibles para a veciñanza,” subliñou Repetto.
Ademais, o Goberno local defende que o uso de plantas e árbores nas infraestruturas públicas é unha forma de promover a implicación da veciñanza na preservación ambiental. “Cada espazo verde é unha oportunidade para educar e sensibilizar á poboación sobre a importancia de coidar o medio ambiente. Ao recorrer a materiais artificiais, pérdese esa conexión tan necesaria entre a cidade e a súa contorna natural,” concluíu Repetto.
O Goberno local insta á Xunta a reconsiderar o uso destes materiais artificiais e a alinear as súas políticas coas necesidades ambientais e estéticas do municipio. “En Lugo temos claro que as políticas ambientais deben ir máis aló do mínimo indispensable. Seguiremos defendendo un modelo de cidade sostible e comprometida coa súa contorna natural”, finalizou o edil.