O Goberno local de Lugo organizará visitas á Estación de Tratamento de Auga Potable e á Estación Depuradora de Augas Residuais

LugoXa
A alcaldesa, Paula Alvarellos, sinalou que “o emprego adecuado dos nosos recursos pasa pola educación, no eido ambiental, dos máis novos"
edar_lugo
7 Nov 2024

O Goberno local de Lugo impulsa a educación ambiental e o fomento do consumo responsable da auga con visitas guiadas á depuradora e á potabilizadora para toda a poboación, coas que se busca concienciar sobre o valor da auga.

De feito, con este programa, que agora se amplía, o ano pasado, máis de 600 estudiantes de Primaria, Secundaria e Formación Profesional participaron nesta iniciativa, que o Concello de Lugo leva a cabo en colaboración con Gestagua, empresa que xestiona as dúas instalacións máis importantes do ciclo da auga no municipio de Lugo.

Este ano, darase un novo impulso a este programa de sensibilización ambiental mediante as visitas guiadas á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) e á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), mantendo as visitas para alumnado de todos os niveis educativos pero abrindo esta experiencia a outros grupos de interese.

A alcaldesa, Paula Alvarellos, sinalou a este respecto que “o emprego adecuado dos nosos recursos pasa pola educación, no eido ambiental, dos máis novos. Con este programa imos impulsar que os nenos e nenas de Lugo tomen conciencia da importancia de facer un consumo responsable da auga, ao tempo que abriremos estas visitas a outros colectivos que podan estar interesados en coñecer cal é o tratamento deste recurso, que estamos obrigados a coidar”.

O programa, que se desenvolve entre marzo e maio, está deseñado para ofrecer unha experiencia práctica e educativa sobre o ciclo da auga, desde a súa captación no río Miño ata a súa depuración e devolución á contorna natural. As e os estudiantes participan en dinámicas interactivas, onde coñecen os procesos de potabilización e depuración e a importancia de conservar os recursos hídricos. Ademais, as visitas están abertas a familias, universidades, asociacións de veciños e outros colectivos interesados na xestión da auga.

De cara ao futuro e co obxectivo de incidir na concienciación ambiental, Goberno local e Gestagua planean ampliar o programa con novas iniciativas. Entre outras, crearase un proxecto educativo específico sobre o ciclo integral da auga, destinado ao alumnado de 5º e 6º de Primaria; organizaranse accións ambientais, como xornadas de limpeza de ríos; e outras actividades en grupo na semana do Día Mundial da Auga.

0.20220184326172