O Goberno local de Lugo presenta medidas para mellorar a competitividade dos polígonos industriais

LugoXa
O Concello, ademais, esixirá ao Goberno autonómico que, atendendo ás súas competencias, asuma a mellora da conectividade de ambos os polígonos
reunion_representantes_trasportistas-polígonos-Lugo
18 Nov 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, anunciou unha batería de medidas para mellorar a competitividade dos polígonos das Gándaras e O Ceao, polo que mantivo unha reunión cos representantes das asociacións de transportistas e de empresarios dos parques industriais para informarlles das actuacións que o Goberno local levará a cabo.

Deste xeito, Alvarellos Fondo explicou que, entre outras intervencións previstas, o Concello instalará cámaras de vixilancia no parque empresarial, acondicionará dúas rotondas de Benigno Rivera e actualizará a sinalización nese tramo, ao tempo que está a analizar a reorganización dos estacionamentos existentes e a posta en marcha de novas zonas con espazos destinados a este fin. Igualmente, avanzou os termos nos que avanza a colaboración que mantén cos colectivos para posibilitar a creación dun aparcadoiro acoutado para camións en terreos municipais do polígono das Gándaras.

“Temos a firme vontade de reforzar os servizos desta zona estratéxica do municipio. Os polígonos de As Gándaras e O Ceao son un dos principais centros de desenvolvemento económico na capital. Por iso queremos atender as demandas do tecido empresarial co obxectivo principal de facilitar o desenvolvemento da actividade ordinaria das numerosas empresas que operan neles para que redunde non só na súa seguridade senón tamén na súa competitividade”, sinalou a rexedora quen anunciou que os pregos para contratar o sistema de vixilancia xa están listos.

Deste xeito, ao longo das próximas semanas procederase á súa licitación, que inclúe diferentes puntos de control, co obxectivo de ampliar a súa cobertura a unha porcentaxe moi elevada da zona industrial. Así, haberá cámaras na avenida de Benigno Rivera, na súa confluencia con Infanta Elena; nas inmediacións de rúa Agricultura e na rúa das Comunicacións na contorna da rúa dos Carros, de forma que permita captar o tránsito de vehículos entre ambos polígonos a súa unión coas vías de comunicación próximas.

Instalaranse 6 cámaras de diferentes características técnicas que contarán, así mesmo, cun sistema de alarma antisabotaxe que detecte posibles intrusións non autorizadas. O equipamento estará conectado cunha central receptora de alarmas e integrarase, alén, no software de xestión da Policía Local de Lugo, para que as incidencias tamén poidan ser atendidas por efectivos policiais, que recibirán información de cada incidencia de xeito inmediato para poder ofrecer unha resposta rápida á mesma.

Petición á Xunta para mellorar os polígonos

Xunto a estas melloras en materia de estacionamento, circulación e seguridade, a rexedora comunicou aos colectivos que o Concello esixirá ao Goberno autonómico que, atendendo ás súas competencias, asuma a mellora da conectividade de ambos os polígonos. Desta forma, nos vindeiros días o Executivo local instará formalmente á Xunta a incluír no Plan sectorial do Polígono dás Gándaras a creación dunha ligazón directa coa saída da A6 na Campiña.

“Trátase dun proxecto clave con enormes repercusións sobre o noso potencial desenvolvemento económico que melloraría substancialmente as comunicacións dos paques empresariais coa rede de autovías estatais. É necesario que a Xunta se involucre, xa que é a súa competencia incluír a ligazón no Plan sectorial, garantindo que o empresariado lucense poida competir en igualdade de condicións con outras zonas industriais do país", dixo.

Ademais, sostivo que se trata "dunha petición xa histórica do tecido produtivo da cidade da que a Consellería fixo caso omiso ata agora e sobre a que non existe ningún avance polo que, aproveitando a inclusión da cuarta fase do polígono de As Gándaras nos orzamentos galegos para o 2025, consideramos que é o momento idóneo para levar a cabo esta planificación  que ademáis é unha competencia exclusiva da Xunta”, proseguiu  Alvarellos.

De forma complementaria a esta reivindicación, a alcaldesa trasladou alén que, atendendo ás demandas dos colectivos empresariais, solicitará ao Goberno autonómico a creación dunha escola infantil para atender as necesidades de conciliación das persoas traballadoras de ambos os polígonos.

“A Xunta non pode seguir mirando para outro lado. As Gándaras e O Ceao necesitan da súa implicación por iso solicitaremos ao Goberno autonómico que traballe con previsión, e que teña en conta e incorpore aos presupostos do próximo exercicio a atención a todas aquelas necesidades derivadas do crecemento deste parque empresarial”, concluíu a alcaldesa.

0.076088905334473