O Goberno local de Lugo puxo en marcha unha nova campaña de control de estorniños

LugoXa
A campaña céntrase na aplicación de técnicas especializadas, tales como sistemas de sons de alarma fixos e móbiles, voos de intimidación de aves rapaces adestradas e outras accións
campaña-de-control-de-estorniños-Lugo
6 Nov 2024

O Goberno local de Lugo puxo en marcha unha nova campaña de control de estorniños, co obxectivo de reducir os efectos que estas aves ocasionan na contorna urbana debido á súa concentración masiva en certos puntos da cidade.

Segundo explicou Mauricio Repetto, responsable en funcións da área de Transición Ecolóxica, "solucionar este problema require un esforzo intensivo para garantir a tranquilidade e a salubridade nas zonas máis afectadas", subliñando a importancia de actuar de forma preventiva para evitar que os estorniños se concentren en parques e rúas.

A campaña céntrase na aplicación de técnicas especializadas, tales como sistemas de sons de alarma fixos e móbiles, voos de intimidación de aves rapaces adestradas, así como outras metodoloxías que variarán segundo as necesidades do servizo. Estas intervencións, tal como sinala o prego técnico do contrato, están deseñadas para afectar unicamente á especie diana, o estorniño pinto e outras aves da mesma familia, sen causarlles ningún tipo de dano físico.

O edil tamén explicou que a presenza masiva destes paxaros en Lugo vén motivada polos seus movementos migratorios naturais, que lles levan a buscar zonas seguras e protexidas despois da súa época reprodutora. "Esta campaña busca garantir que a nosa cidade non se vexa afectada por grandes concentracións de estorniños, que poden causar molestias pola emisión de ruídos e a acumulación de excrementos", destacou Repetto.

Así, o Concello traballa para controlar a súa presenza e reducir as molestias xeradas, sen interferir cos movementos migratorios naturais da especie. Nos vindeiros días, os traballos continuarán en diferentes puntos da cidade, co fin de reducir a poboación de estorniños ata niveis que non resulten molestos para o público.

Repetto subliñou que "o noso compromiso é garantir a boa convivencia entre a veciñanza e o entorno natural, actuando sempre co maior respecto cara a biodiversidade e o benestar animal".

O Concello manterá un seguimento regular da situación e solicita á veciñanza que colabore avisando ao Servizo de Medio Ambiente, ou chamando ao teléfono 010, en caso de detectar novos asentamentos de estorniños en outras áreas.

Este dispositivo especial de control, que se estenderá nas próximas semanas, inclúe tamén un sistema de vixilancia para evitar que as aves se establezan de forma permanente en zonas urbanas, continuando ata que a situación quede completamente estabilizada.

0.17153120040894