O Goberno local de Lugo renovará o parque infantil da rúa Gallego Tato, na Piringalla
O Executivo de Paula Alvarellos acometerá a renovación integral do parque infantil situado na rúa Gallego Tato. Así o avanzou o concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, quen subliñou que “esta actuación enmárcase no compromiso do Goberno Local coa creación de espazos seguros e de lecer para o desenvolvemento dos máis pequenos”.
O concelleiro resaltou, así mesmo, a importancia da educación lúdica e a aprendizaxe a través do xogo, sinalando que o parque que se renovará, moi empregado polas crianzas do barrio da Piringalla, “non só proporciona diversión, senón tamén oportunidades valiosas para o desenvolvemento cognitivo e físico dos nenos e nenas”.
“Deste xeito, investiremos preto de 90.000 euros na remodelación integral desta área de xogos para convertela nun novo espazo de lecer aberto e integrador en prol da convivencia interxeración e en harmonía coa contorna na que se atopa”, explicou Fernández.
O edil detallou, así mesmo, que “os xogos que se instalarán serán o supernova, que tivo gran éxito no parque de Campo Castelo, un bambán cesta, un carrusel con banco e un xogo múltiple con tres torres con trepa e ponte”.
Por outra banda, o edil destacou que os elementos que conformarán a nova zona recreativa seguirán a línea marcada polo Concello en canto aos materiais empregados. Deste xeito, contará cos selos Made Green: produtos feitos a base de materiais reciclados post-consumo (como residuos recuperados do océano, téxtiles usados, envases alimentarios, etc.) e Born Green, que obteñen aqueles produtos feitos do propio material de construción da natureza como a madeira, procedente de silvicultura sostible e, por tanto, pouco contaminantes.
Igualmente, todo o parque disporá dun pavimento de caucho continuo, con revestimento decorativo, respectuoso co medio ambiente e con propiedades antiescorregadizas e outras características técnicas que garanten unha longa durabilidade e boa resposta ao uso á intemperie.