O goberno local de Lugo defende o seu labor con respecto ás conexións ferroviarias

O goberno local de Lugo manifestou o seu rexeitamento á actitude do Partido Popular e da súa voceira na cidade, Elena Candia, por recorrer á confrontación e ao ataque político nun asunto tan sensible como as conexións ferroviarias.
A cuarta tenente de alcaldía, Ana González Abelleira, asegurou que o comunicado do PP evidencia un “absoluto descoñecemento da realidade ou unha vontade deliberada de mentir” coa intención de xerar polémica e obter beneficio político nun tema onde todas as forzas deberían colaborar.
Abelleira recordou que foron os anteriores gobernos do Partido Popular os que desmantelaron os servizos ferroviarios en Lugo, mentres que o actual Executivo local traballa de forma seria e constante para mellorar a situación. Destacou as dúas reunións mantidas con Renfe, unha en Madrid e outra en Lugo, ademais das múltiples xuntanzas técnicas para estudar posibles cambios, e anunciou que están previstas novas reunións para continuar avanzando con rigor e coordinación institucional.
A tenente de alcaldía explicou que as melloras nas conexións ferroviarias non se poden implementar de forma inmediata, xa que implican complexas modificacións como o cambio de rutas, a adaptación dos contratos de servizo público ou a revisión do Plan Estratéxico Nacional de Mobilidade. “Cambiar un tren non é mover unha ficha nun taboleiro de xadrez”, salientou.
Por último, Ana González Abelleira lamentou que o PP elixa a mentira e a crispación en lugar de actuar con responsabilidade e animoulles a apoiar as xestións do goberno local e respectar os tempos e procedementos técnicos que require cada paso para mellorar as conexións ferroviarias da cidade.