O Goberno local de Lugo seguirá encargándose do servizo de enterramento para persoas con baixos recursos
A edil de Participación e Servicios para a Veciñanza, Cristina López, anunciou que o Goberno de Lugo vén de prorrogar un ano o servizo de enterramento para persoas con baixos recursos, que se presta de xeito gratuíto nos casos onde non se poida facer cargo dos servizos mínimos para o enterramento dunha persoa.
O Concello presta, de xeito gratuíto, os traballos de recollida do cadáver e traslado ao cemiterio, así como os medios materiais necesarios para a prestación deste servizo, nos casos de persoas con baixos recursos.
Segundo a ordenanza reguladora, están exentos os servizos que se presten con ocasión de enterramentos de cadáveres cando se trate de persoas sen recursos, ben perceptores do salario social (RISGA), ou ben de persoas non integradas nas canles de axuda social das que, pola súa condición de transeúntes ou outras circunstancias especiais, se descoñezan datos relativos á súa situación económica e/ou familiar. Estas circunstancias deberanse xustificar nun informe social, ademais dos enterramentos que ordene a Autoridade Xudicial na sección de comúns do cemiterio.
Nestes casos, serán por conta do Concello os gastos mínimos imprescindibles para poder efectuar o enterramento, que poderán ser repercutidos ás persoas interesadas que soliciten exhumación e traslado do cadáver para outra unidade de enterramento ou para outro cemiterio antes da finalización do prazo de 5 anos estipulado legalmente para a apertura da sepultura.