O Goberno local de Lugo solicitará á Xunta que acelere a reforma do centro de saúde da Milagrosa

LugoXa
A rexedora lucense subliñou a importancia desta infraestrutura sanitaria, fundamental para ofrecer unha atención pública de calidade aos veciños do norte da cidade
Punto-A-Milagrosa-Paula-Alvarellos
18 Dec 2024

O Goberno local de Lugo solicitará á Xunta de Galicia que acelere a reforma do centro de saúde da Milagrosa, esixindo a definición inmediata dos prazos para a licitación, redacción e execución do proxecto.

Alvarellos expresou a súa preocupación e malestar ante os atrasos acumulados, xa que a obra, prometida pola Consellería de Sanidade en marzo do ano pasado, segue sen licitarse e acumula case un ano de demora.

A rexedora lucense subliñou a importancia desta infraestrutura sanitaria, fundamental para ofrecer unha atención pública de calidade aos veciños do norte da cidade. “Estamos a falar dun centro de atención primaria que presta servizo a miles de lucenses e que, actualmente, non reúne os estándares do século XXI”, sinalou.

Alvarellos lembrou que, a comezos deste ano, a Xunta encomendou á Axencia Galega de Infraestruturas a realización do proxecto de reforma. Con todo, ao finalizar o exercicio, o organismo informou que non conta con capacidade para levalo a cabo e devolveu a tarefa ao Sergas.

“Esta xestión ineficaz ha provocado un ano de atraso e supuxo a perda do orzamento asignado, o que obrigará a consignar novos fondos nas contas de 2025”, lamentou a alcaldesa.

Así mesmo, Alvarellos criticou a falta de compromiso do Goberno galego coa cidade de Lugo. “Os lucenses asistimos, unha vez máis, a promesas incumpridas. O Executivo autonómico non só acumula atrasos, senón que en demasiadas ocasións tenta desviar a súa responsabilidade cara a outras administracións para xustificar a falta de avances”, afirmou.

Neste sentido, enumerou varios proxectos estratéxicos que continúan paralizados: o Plan Paradai, a ampliación do corredor entre Nadela e Sarria, o Museo da Romanización, o novo centro de saúde do Sacro Corazón, a construción de vivendas públicas ou a habilitación de aparcamentos en dotacións municipais.

“Todos estes proxectos, tan necesarios para a nosa cidade e demandados polos lucenses, teñen un denominador común: anos de atraso acumulados. Non podemos permitirnos esperar cinco anos máis para que estas infraestruturas, que son competencia autonómica, sexan unha realidade”, concluíu a alcaldesa.

⚙ Configurar cookies
0.77208709716797