O Goberno local destaca as políticas baseadas na sostibilidade e a innovación como puntos fortes do ano

LugoXa
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, realizou hoxe un balance deste último ano de mandato no Debate do Estado do Concello, que vinculou ao balance do resto do mandato e, polo tanto, “aos proxectos e recursos que activamos estes últimos anos ante a maior emerxencia sanitaria, social e económica da nosa historia recente, que condicionou as nosas vidas -e tamén o devir municipal.
23 Dec 2022

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, realizou hoxe un balance deste último ano de mandato no Debate do Estado do Concello, que vinculou ao balance do resto do mandato e, polo tanto, “aos proxectos e recursos que activamos estes últimos anos ante a maior emerxencia sanitaria, social e económica da nosa historia recente, que condicionou as nosas vidas -e tamén o devir municipal. Foi un desafío sen precedentes ao que se sumou a inflación actual e altos prezos da enerxía derivados da terrible guerra de Ucraína”.

“Ocupámonos do importante e do urxente, como xa explicamos en balances anteriores deste mandato, asentamos as bases da recuperación social e económica da cidade dos vindeiros anos e avanzamos claramente na segunda transformación de Lugo, unha das claves do meu compromiso como Alcaldesa neste mandato, que se articulou desde todas ás áreas de Goberno”, dixo, apuntando a un “novo modelo urbanístico, social e económico coa veciñanza no centro das nosas accións e baseado na humanización, a sostibilidade e a innovación, que e imparable porque mellora os ratios de calidade de vida”.

A alcaldesa presentou un balance de xestión positivo destes case catro anos porque “a pesar da súa enorme complexidade e dos retos ante as grandes recesións, a cidade sae reforzada e con máis ferramentas que nos posicionan á vangarda para impulsar o noso crecemento”.

Así, destacou como unha das fortalezas do mandato a execución de todos orzamentos, que creceron mais dun 18% en tres anos e que se caracterizaron por dispoñer das partidas máis altas da historia destinadas a fins sociais, orzamentos froito da estabilidade acadada fronte aos bloqueos vividos no mandato pasado pola totalidade dos grupos políticos da oposición. “Pedir melloras para o municipio e logo non aprobar os instrumentos financeiros necesarios para acometelas reflicten pouco amor por Lugo”, incidiu.

Así mesmo, fixo fincapé en que o Concello puido activar políticas de apoio aos colectivos vulnerables e aos sectores económico durante a pandemia grazas a que o Concello tiña liquidez e unha economía saneada con débeda cero desde o 2017, “porque como Administración local afrontamos os gastos extraordinarios en total e absoluta soidade, só con recursos propios porque, e bo non esquecelo, a Xunta non transferiu nin un só euro a Lugo para afrontar estes gastos, nin sequera nos ámbitos das súas competencias”. E lembrou, así mesmo, que o Concello amortizou hai 5 anos unha débeda a longo prazo que no ano 1999 ascendía a 60 millóns de euros, último ano do goberno do PP en Lugo. “Esa foi a súa herdanza nesta Administración local”, comentou.

Entre as medidas adoptadas, citou, como exemplo, as axudas directas por valor de 6 millóns de euros para que pequenas empresas e autónomos asumisen os gastos do día a día cando non tiñan ingresos; o mantemento das empresas prestadoras de servizos ao Concello co fin de evitar Ertes, beneficiando así a 700 familias, ou o incremento das axudas en emerxencia social, na atención nos domicilios e nas axudas ao aluguer”.

Grazas a capacidade financeira do Concello, “fomos quen, neste mandato, de seguir mantendo conxeladas as taxas e os impostos municipais, porque entendemos que non é o momento de impoñer máis cargas á veciñanza cando a máxima preocupación é chegar a fin de mes, afondando así nun ciclo de contención fiscal sen precedentes que debe contribuír a apuntalar o período de recuperación económica”, comentou.

E a terceira fortaleza de Lugo, dixo a rexedora, son os recursos acadados dos fondos europeos enmarcados todos nunha estratexia transformadora, e lembrou que neste mandato xestionou  44,5 millóns de euros de fondos europeos, que permiten ademais, “impulsar o investimento público porque, fronte a outros gobernos que noutras épocas viron nos recortes solucións que finalmente só causaron sufrimento, este Goberno municipal optou pulsar mecanismos que servisen de acicate ao investimento privado para seguir progresando”.

Entre este fondos, destacou o investimento de 9 millóns para a peonalización integral do casco histórico, “onde gañaremos espazos para a cidadanía para enchelos de vida, poñeremos en valor os espazos emblemáticos, renaturalizaremos as prazas e rúas co fin de minorar a contaminación atmosférica, o ruído e as vibracións, altamente prexudiciais para a saúde, pero tamén conservar o patrimonio histórico, especialmente para os Bens Patrimonio da Humanidade”. “Será -apuntou Méndez- a primeira Zona de Baixas Emisión de Lugo, tal e como nos obriga a lexislación, e na que traballamos agora cos procesos de escoita de suxestión da veciñanza”.

Estratexias dos fondos europeos

Tamén falou dos 3,3 millóns de euros destinados a obras de mellor enerxética en edificios municipais, que suporá un importante aforro enerxético de entre un 18 e un 42%; o salto de xigante na modernización na Administración electrónica; ou a as obras da estratatexia Muramiñae, coa que se mellora a conectividade da trama urbana co río a pé e en rutas ciclables (senda verde ciclista, a pasarela Tanxurela, o paso soterrado da NVI, case finalizado, a peonalización da Calzada da Ponte, as obras de mellora en rúa Pousadela); a apertura en breve do edificio interxeracional de Lamas de Prado e das Caladas; a posta en valor do barrio singular do Carme, “outro proceso xa imparable para recuperar unha das zonas de maior beleza da cidade, que debemos preservar pola súa ubicación ao lado da Muralla e polo patrimonio que alberga”, onde se  peonalizará a rúa do Carme,  se recupera a cloaca roma e se traballa na construción do proeiro coliving artístico municipal” .

Lara Méndez puxo en valor o programa LIFE Lugo+ Biodinámico, “que nos sitúa xa no mapa galego, estatal e internacional como cidade innovadora na construción das cidades sostibles. A Comisión Europea acaba de ratificarnos como exemplo para outras urbes de tamaño medio, e esta mesma semana proxectos LIFE á vangarda de toda España destacaron a Lugo polas súas políticas decididas en urbanismo sostible a través da renaturalización e a confortabilidade dos espazos públicos, unha construción respectuosa e unha mobilidade neutra en carbono para mellorar a vida das persoas e o medio ambiente”. Lembra que estas actuacións axudan a impulsar a imaxe exterior da cidade nun ámbito “ata agora reservado só para o noso patrimonio romano, nova imaxe que non é baladí xa que supón un forte impulso á cidade como motor tractor e de atracción de empresas vinculadas coa bioeconomía e a economía verde”.

“Centenares de entradas en google así tamén o certifican, a presenza reclamada da cidade en foros nacionais e internacionais para explicar a súa experiencia, así como as decenas de visitantes prestixiosos que pasaron xa polo edificio Impulso verde aínda antes da súa inauguración, pero tamén alumnos de colexios e institutos de toda Galicia. E mesmo á Xunta pediu coñecelo para integralo no seu proxecto internacional EgurALT e impulsar a construción en madeira, seguindo agora os nosos pasos _que somos a primeira Administración en España en apostar pola madeira nas dotacións públicas- no ámbito autonómico”,  incidiu.

Ese impulso de marca cidade está acompañada por políticas de dinamización económica para reter e atraer talento e empresas e industrias de alto impacto social, innovador e ambiental, a través do fondo inversor Lugo Transforma, “co que esperamos crear 1.000 postos de traballo directos, o triplo de indirectos nun prazo de 4 anos”.  Iniciativa que se quere acompasar cos avances da Mesa da Diversificación Industrial para fornecer os sectores vinculados coa sostibilidade, a industria agroalimentaria e forestal e a innovación e co apoio ao comercio local e ao emprendemento.

Neste aspecto, anunciou que máis de 800 comercios e locais de hostalería se uniron ao movemento Localmente Lucense para animar á compra de proximidade; o apoio desde o CEI Nodus ao desenvolvemento de 91 proxectos de emprendedores ou a formación que beneficiou a máis de 2.800 persoas nas distintas accións formativas, tanto as dirixidas aos empresarios en activo como ás persoas que necesitaban mellorar a súa empregabilidade..

E neste promoción económica non podía faltar o turismo, porque “veñen de confirmarnos que somos beneficiarios de 2 millóns de euros para o Plan Estratéxico de Turismo Sostible que presentamos aos fondos Next Generation. Será o primeiro que terá Lugo despois de 20 anos e fomos os únicos da provincia en acadalo”.

A Alcaldesa tamén destacou os fortes investimentos na mellora do rural, que ascenden a 6 millóns de euros “coas que melloramos a calidade de vida en case todas as parroquias, clave para poder asentar alí poboación”, así como das prioridades na creación de novos espazos verdes e renovación e execución de novos parques infantís, ademais de en peonalizacións e humanizaciós para gañar espazo para as persoas.

0.10544991493225