O Goberno Local levará a cabo a reforma integral da Casa de Cultura de Palas de Rei

LugoXa
As actuacións de reforma centraranse en mellorar a eficiencia enerxética do edificio, coa renovación da fachada e a instalación dunha nova cuberta
Casa-da-Cultura-Palas-de-Rei
17 Apr 2025

O Concello de Palas de Rei acometerá unha reforma integral da Casa de Cultura, un espazo clave para diversos colectivos e asociacións que desenvolven as súas actividades diarias neste centro.

Entre as melloras previstas, destaca a remodelación do auditorio, que ten unha capacidade de 150 persoas sentadas e que tamén será reformado para adaptarse á crecente oferta cultural da localidade.

Segundo adiantou o alcalde, Pablo Taboada, "agardamos ter rematado o proxecto nos próximos días para comezar unha ronda de contactos coas distintas administracións co fin de acadar a financiación precisa para o mesmo, que segundo as previsións superaría amplamente os 250.000 euros". Neste senso, o rexedor manifestou a súa intención de reunirse proximamente coa Consellería de Cultura, así como de buscar apoio na Deputación e no GDR.

As actuacións de reforma centraranse en mellorar a eficiencia enerxética do edificio, coa renovación da fachada e a instalación dunha nova cuberta. Ademais, levarase a cabo unha reforma integral do Salón de Actos, co obxectivo de dotalo dunha imaxe máis actual e funcional que responda ás necesidades da comunidade.

O alcalde confía en poder contratar os traballos este mesmo ano, coa esperanza de que as obras estean finalizadas durante o próximo ano, permitindo así que a actividade diaria na Casa de Cultura continúe sen interrupcións.

Con esta reforma, o Concello de Palas de Rei busca mellorar un espazo esencial para a vida cultural e social do municipio, garantindo que os veciños e colectivos poidan seguir desenvolvendo as súas actividades nun entorno máis moderno e eficiente.

⚙ Configurar cookies
0.15793299674988