O Goberno local levará ao Pleno a defensa da intimidade das persoas maiores da residencia das Gándaras

LugoXa
O Executivo pide á Xunta que paralice a reconversión de habitacións individuais en dobres mentres o movemento veciñal suma trece semanas de mobilizacións
protestas-residencia-das-Gándaras
12 Feb 2026

O Goberno local de Lugo defenderá no vindeiro Pleno unha proposición para instar á Xunta de Galicia a deter de maneira inmediata as obras que contemplan a transformación de habitacións individuais en dobres na Residencia de Maiores das Gándaras. A iniciativa, impulsada polo Grupo Municipal Socialista, reclama tamén a revisión do proxecto co obxectivo de manter cuartos individuais que garantan a intimidade e a dignidade das persoas residentes.

A concelleira Ángeles Novo subliñou que a actuación prevista non é unha cuestión meramente técnica, senón unha decisión que incide directamente na vida cotiá das persoas usuarias do centro. Segundo indicou, modificar as condicións de habitabilidade afecta ao seu benestar emocional e ao seu dereito a conservar un espazo propio. A edil defendeu que Lugo debe posicionarse a favor dun modelo asistencial centrado na persoa, baseado no respecto aos dereitos fundamentais e na convivencia en contornas máis humanas, e advertiu de que non se poden adoptar cambios substanciais sen escoitar previamente ás persoas residentes.

De acordo co Proxecto Básico e de Execución de Remodelación, habitacións individuais identificadas nos planos como DT02, DT03 ou DT04 pasarían a converterse en dobres, duplicando camas nun mesmo espazo sen incorporar elementos de separación física. Para o Goberno local, esta modificación supón na práctica a perda de privacidade e a eliminación das condicións mínimas de intimidade.

Aínda que a competencia en materia de xestión corresponde á administración autonómica, o Executivo municipal considera que o Concello non pode permanecer alleo ao que sucede nun centro que atende a veciños e veciñas da cidade. Novo sinalou que existe unha responsabilidade institucional e tamén moral de apoiar ás persoas máis vulnerables, especialmente cando residentes, familias e persoal están a expresar publicamente a súa preocupación.

A proposta que se elevará ao Pleno inclúe, ademais da paralización das obras, a solicitude dunha reunión urxente entre a Consellería de Política Social, a dirección da residencia, representantes das persoas usuarias e das súas familias para consensuar un modelo de reforma que respecte as súas necesidades. O texto incorpora tamén o respaldo institucional ás concentracións que os residentes celebran cada sábado ás 11:00 horas en defensa do seu dereito a vivir con tranquilidade, intimidade e dignidade.

FEDERACIÓN DE ASOCIACIÓNS DE VECIÑOS DE LUGO

Precisamente, este sábado 14 de febreiro de 2026 ás 11:00 horas está convocada unha nova concentración diante da residencia, promovida pola Federación de Asociacións de Veciños da Provincia de Lugo Lucus Augusti. O colectivo veciñal anunciou que con esta convocatoria suman xa trece semanas consecutivas de mobilizacións, nunha mostra de continuidade e firmeza na defensa dunhas condicións de vida seguras e adaptadas ás necesidades reais das persoas maiores.

A Federación reclamou que a Xunta escoite directamente ás persoas residentes, recoñeza as súas demandas e abra un proceso de diálogo transparente que permita avanzar cara a solucións consensuadas. Ademais, destacou que as reivindicacións contan xa co apoio público de catro colectivos, entre eles Fademur, Unións Agrarias e Galicia en Pé... na Defensa do Rural, aos que se sumou outra entidade recentemente. A organización fixo un chamamento a asociacións e entidades para que se adhiran a esta causa e anunciou que continuará facendo públicas novas adhesións nos vindeiros días.

⚙ Configurar cookies
0.079879999160767