O Goberno Local ofrece asesoramento psicolóxico gratuíto á mocidade sobre adiccións sen substancia

O Concello de Lugo, a través da súa área de Xuventude, pon en marcha un servizo de asesoramento psicolóxico gratuíto para mozos e mozas de entre 16 e 35 anos.
Esta iniciativa, enmarcada dentro do programa +Xti e realizada en colaboración co Ministerio de Sanidade a través do Plan Nacional sobre Drogas, busca abordar as adiccións sen substancia e fomentar a prevención e educación sobre estas condutas.
As sesións estarán dispoñibles dende marzo ata xuño na Casa da Xuventude, todos os luns e xoves en horario de 18.00 a 20.00 horas.
Os mozos e mozas interesados xa poden solicitar cita previa para recibir este asesoramento especializado, que abordará comportamentos como a adicción ás redes sociais, ao xogo, ás compras compulsivas, aos videoxogos ou ás bolsas de valores. Ademais, trataranse trastornos como a vigorexia, derivada do abuso do exercicio físico.
O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, anunciou que este servizo responde ao aumento das adiccións comportamentais entre a mocidade. “As adiccións sen substancia están crecendo de xeito alarmante, polo que decidimos habilitar sesións confidenciais para tratar estas condutas, evitar que se converten en trastornos críticos e fomentar a prevención”, sinalou o edil.
Iván Pico, psicólogo especializado en adiccións comportamentais, será o encargado de impartir estas sesións confidenciais. Pico destaca que “as adiccións sen substancia son problemáticas porque parten de actividades cotiás que, en exceso, poden converterse en comportamentos adictivos e afectar a vida diaria das persoas”. Ademais, advirte que según informes da Organización Mundial da Saúde, unha de cada catro persoas presenta algunha forma de adicción comportamental.
Prevención e educación como ferramentas clave
O programa +Xti non só busca tratar estas condutas, senón que fai fincapé na educación e prevención. Segundo explica Iván Pico, “unha porcentaxe moi alta da poboación fai un uso excesivo das redes sociais, o que pode derivar nunha adicción real. O obxectivo é ensinar a identificar estes hábitos nocivos antes de que se convertan nun problema grave”.
A iniciativa basearase na reflexión, a educación e o desenvolvemento do pensamento crítico, proporcionando ferramentas para que a mocidade poida afrontar mellor estes trastornos de conduta e tomar decisóns saudables.
Con esta acción, o Goberno Local reafirma o seu compromiso co benestar da xuventude e a súa aposta por programas de apoio psicolóxico e formación en hábitos saudables.