O Goberno Local esixe á Xunta que reformule, de novo, o proxecto da reforma da residencia das Gándaras

O Goberno Local de Lugo solicitou á Xunta de Galicia que reformule o proxecto de reforma da residencia de maiores de As Gándaras co obxectivo de garantir a intimidade e a dignidade das persoas usuarias. Segundo sinalan desde o Executivo municipal, é necesario revisar o deseño previsto para asegurar que os residentes dispoñan dun espazo propio que respecte a súa privacidade e o seu benestar.
A concelleira Ana González Abelleira destacou que “non é unha cuestión técnica menor nin unha discusión sobre metros cadrados, senón unha cuestión de dignidade. Estamos a falar do fogar de persoas maiores que teñen dereito á intimidade e a vivir esta etapa da súa vida con tranquilidade e respecto. Unha habitación non é só un espazo físico, é o lugar onde unha persoa descansa, recibe visitas e conserva a súa esfera máis persoal”.
A edil insistiu en que a prioridade debe ser garantir condicións de vida dignas para as persoas que xa residen no centro. “Non podemos aceptar que a solución pase por reducir a intimidade das persoas maiores. Unha cortina, unha mampara ou calquera outro elemento de separación non poden substituír o dereito a un espazo propio”, afirmou.
González Abelleira engadiu que, máis aló das explicacións trasladadas sobre posibles axustes no proxecto, o que se precisa agora son garantías claras e verificables. “Valoramos calquera reunión ou explicación, pero non chega con anuncios verbais. O que pedimos é un compromiso claro e por escrito que permita comprobar con total transparencia que a reforma non vai reducir nin a intimidade nin os dereitos das persoas residentes”, asegurou.
O Goberno Local lembra que as persoas usuarias do centro levan semanas expresando a súa preocupación polo impacto que podería ter a reforma nas condicións de vida dentro da residencia. “A administración pública ten a responsabilidade de escoitar ás persoas que viven nestes centros. Estamos a falar do seu fogar e do seu día a día, polo que as decisións que se adopten deben contar coa súa voz e co seu criterio”, subliñou González Abelleira.
A concelleira tamén destacou que este debate reflicte dúas formas diferentes de entender o modelo de atención ás persoas maiores: “Hai quen entende que a prioridade é incrementar prazas a calquera prezo, e hai quen defendemos que iso non se pode facer a costa da intimidade e da calidade de vida das persoas que xa viven nos centros. O modelo residencial do futuro debe estar centrado nas persoas, con espazos máis humanos, máis personalizados e que garantan o benestar das persoas maiores”.
Por estes motivos, o Goberno Local insta á Xunta a confirmar a modificación do proxecto da residencia de As Gándaras para asegurar que a reforma mellore as condicións do centro sen comprometer a privacidade nin os dereitos das persoas usuarias. “Lugo é unha cidade que coida e que respecta ás súas persoas maiores. Por iso imos seguir defendendo que As Gándaras sexa un espazo de dignidade, de tranquilidade e de respecto para quen vive alí”, concluíu González Abelleira.