O Goberno local pide á Xunta un financiamento xusto do Servizo de Axuda no Fogar

LugoXa
A proposta que se levará ao Pleno reclama que a administración autonómica asuma o custo real do servizo e dote as horas necesarias para atender ás 618 persoas dependentes en espera
SAF-concelleiros-Lugo
22 Jan 2026

O Goberno local defenderá no Pleno deste mes unha proposición para instar á Xunta de Galicia a cumprir coa normativa vixente e financiar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) segundo o custo real, garantindo que a administración autonómica asuma a diferenza entre o prezo total e a achega das persoas usuarias. A iniciativa inclúe tamén a esixencia de que a Xunta proporcione de inmediato as horas precisas para eliminar a lista de espera no municipio, que actualmente afecta a 618 persoas dependentes.

A concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, destacou que “o acordo recoñece por fin o infrafinanciamento, pero segue sendo insuficiente: a Xunta debe asumir o que marca a lei”. Explicou que, mesmo co incremento pactado a través da Fegamp —que eleva a achega autonómica dos 12 euros actuais ata 16 este ano, 17 en 2027 e 18 en 2028—, os concellos continúan cubrindo a diferenza ata superar os 21 euros por hora, que é o custo real en Lugo. “Esta situación non se pode normalizar, porque supón financiar competencias que non corresponden ao ámbito local e desatender ás persoas maiores que agardan polos coidados aos que teñen dereito”, subliñou.

López Racamonde lembrou que o SAF de dependencia chega a finais de ano con 618 persoas en lista de agarda, é dicir, persoas ás que se lles recoñeceu un dereito pero non se lles presta o servizo, o que constitúe “unha vulneración clara do sistema de atención á dependencia”. A concelleira advertiu ademais que o estancamento nos prazos de valoración agrava o problema: “Seguimos coñecendo casos de persoas que levan anos agardando pola valoración e cando chega, chega tarde. É unha situación insostible que require unha reacción inmediata”.

A responsable municipal tamén puxo de manifesto o impacto económico que esta parálise ten no Concello: “Para evitar que os nosos maiores queden desatendidos, vémonos obrigados a mobilizar recursos propios. O Goberno local inviste medio millón no SAF de libre concorrencia fronte aos 82.000 euros que aporta a Xunta, e destina cada ano arredor dun millón ao SAF de dependencia”. Ademais, recordou que entre 2024 e 2029 o Concello terá que asumir máis de 34 millóns de euros neste servizo esencial, “un esforzo insostible que afecta xa á capacidade económica dos municipios”.

A proposta que chega ao Pleno lembra que o SAF é unha prestación esencial do Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia e que a lei galega atribúe á Xunta a responsabilidade última do financiamento e planificación. “Cando a Xunta regula pero non financia, obriga aos concellos a asumir unha carga que non lles pertence, e iso non só é inxusto, senón incompatible cun sistema público eficaz”, engadiu López Racamonde.

A concelleira concluíu facendo un chamamento ao conxunto da corporación: “Agardamos que todas as forzas políticas se poñan do lado da veciñanza e defendan un financiamento xusto. Lugo non pode seguir asumindo en solitario aquilo que corresponde á Xunta”.

⚙ Configurar cookies
0.24297595024109