O gridshell instalado no Campus Terra recibe o premio Margarita Salas de Investigación
A gridshell de madeira de eucalipto globulus deseñada e construída pola Plataforma de Madeira Estrutural (Pemade) da USC nun dos pavillóns da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra vén de recabar un accésit na última edición dos premios Margarita Salas de Investigación, uns galardóns promovidos polo Concello de Madrid que na súa edicion de 2022 distinguiron a tese de doutoramento Láminas reticulares de madeira deformadas elasticamente. Do material á construción, realizada polo arquitecto Antonio José Lara Bocanegra baixo a dirección do catedrático da USC Manuel Guaita e de Francisco Arriaga, profesor da Universidade Politécnica de Madrid.
A gridshell instalada no Campus Terra da USC, a primeira do mundo realizada con madeira de eucalipto globulus responde á estrutura dunha cuberta de tipoloxía singular en forma de tecido e única en España elaborada con lámina reticulada de eucalipto. O proceso de deseño e a construción desta gridshell, que é resultado de tecnoloxía e I+D 100% de Galicia, centran a temática das pescudas recollidas na tese de doutoramento de Lara Bocanegra, quen previamente participou xunto con outros investigadores de Pemade no cálculo e desenvolvemento óptimo do empalme estrutural da madeira laminada que permite a articulación desta estrutura.
As láminas entretecidas que dan forma á gridshell izada por Pemade no Campus de Lugo “constitúen unha solución estrutural sustentable, de gran eficiencia e expresividade arquitectónica”, defende Antonio José Lara Bocanegra, quen ve este tipo de instalacións como “unha solución interesante para a súa aplicación en cubertas lixeiras de medias e grandes luces”. De feito, as dimensións da estrutura instalada hai xa máis dun lustro na sede universitaira luguesa abranguen 24 metros de lonxitude por uns 5,80 metros de anchura, o que permite protexer unha superficie en planta de arredor de 140 metros cadrados.
Este tipo de construción, explica Lara Bocanegra, parte de láminas de madeira inicialmente rectas, de sección pequena e gran lonxitude. "Estas pezas defórmanse en réxime elástico ata acadar a forma desexada, co que se xera unha retícula estrutural de elementos continuos”, relata o actual profesor da Universidade Politécnica de Madrid, quen entre 2014 e 2018 traballou en Pemade como investigador do grupo Unidade de Xestión Forestal Sustentable (Uxafores) do Campus Terra da USC, un período no que tamén participou de xeito activo no programa Life Lugo+Biodinámico.
"O emprego de pezas de madeira idénticas e o uso de solucións de unión sinxelas confiren ao sistema unha alta capacidade de prefabricación e estandarización", sinala Lara Bocanegra, quen, sen embargo, recoñece que, "a pesar do enorme potencial deste tipo de estruturas, ata a data só se construíron algunhas obras singulares". Esta realidade, entende, responde "á existencia de importantes dificultades durante o proceso de deseño e execución que impiden a súa popularización. A escaseza de produtos comerciais de madeira adecuados, a insuficiencia de estudos sobre relaxación de tensións en láminas de madeira curvadas e mesmo a falta de traballos sobre modelos numéricos contrastados experimentalmente constitúen algúns dos problemas advertidos neste eido", indica o profesor Lara Bocanegra.
As investigacións realizas na tese de doutoramento, comenta, "tratan de pór en valor o noso territorio, fomentando a bioeconomía e a construción sustentable a través do desenvolvemento de produtos estruturais en base madeira realizados con especies locais e a súa aplicación en sistemas estruturais e construtivos innovadores e eficientes". Lara Bocanegra salienta asemade que "a súa tese de doutoramento, unha investigación galardoada agora cun accésit na modalidade de Ciencias Medioambientais, serviu para activar a posta en práctica de estruturas laminares reticulares realizadas con madeira Eucalyptus globulus Labill". Para eso, explica, "levouse a cabo unha extensa investigación de carácter transversal que abarca traballos que van desde a caracterización do material e o desenvolvemento de novos produtos en colaboración con empresas do sector, até o deseño e construción de prototipos de estruturas a escala real", conclúe.