O grupo de teatro Achádego ofrecerá uns paseos teatrais para dar a coñecer o Cemiterio de San Froilán

LugoXa
Cristina López animou a todas as veciñas e veciños de Lugo a participar nesta actividade cultural, destacando que se trata dunha oportunidade para "rescatar a memoria da cidade"
Cristina-López-BNG-Lugo-Cemiterio-San-Froilán-municipal
18 Mar 2025

A concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, anunciou unha nova e destacada iniciativa cultural que se integrará na Programación de Primavera do Cemiterio de San Froilán.

O Grupo de teatro Achádego ofrecerá unha serie de paseos teatrais en diversas xornadas, que permitirán revivir a vida e o legado de persoalidades lucenses que deixaron unha profunda pegada na historia da cidade.

A primeira das funcións terá lugar este vindeiro domingo, 23 de marzo, e estará centrada nas mulleres destacadas que marcaron un antes e un despois na sociedade lucense. Coa súa interpretación, o Grupo Achádego traerá á vida as historias destas figuras femininas que tiveron un impacto significativo no desenvolvemento cultural e social de Lugo.

A actividade comezará ás 17.30 horas, e as entradas poden reservarse con antelación nas oficinas do Cemiterio, na Oficina Municipal de Turismo ou no propio Cemiterio Municipal, cun límite de catro entradas por persoa.

Cristina López animou a todas as veciñas e veciños de Lugo a participar nesta actividade cultural, destacando que se trata dunha excelente oportunidade para "rescatar a memoria da cidade". A concelleira tamén subliñou que as visitas teatralizadas ao Cemiterio de San Froilán son "oportunidades únicas para coñecer o noso pasado nunha instalación referencial de Lugo".

⚙ Configurar cookies
0.16989612579346