O grupo Jabatos Bravíos prepara a súa primeira quedada moteira en Lugo
Os amantes do motor teñen unha cita o vindeiro sábado 20 de xullo. Os Jabatos Bravíos organizan nesta xornada a primeira Kdd Moteira na cidade. Trátase dunha ruta pola zona na que haberá comida e sorteos e premios para todos os inscritos. O grupo, que leva dous anos como motoclub e reuniu a uns 20 membros, pon en marcha a cita e constata que a paixón polas dúas rodas non entende de idades, pois a membro máis nova ten pouco máis dun ano.
A ruta comezará en Garabolos, na explanada que está situada detrás do parque de bombeiros e irán ata Portomarín, onde farán unha parada duns 45 minutos para tomar algo, comer uns pinchos e onde tamén vai haber música. Logo continúan por Paradela e pola Pobra ata regresar á cidade para dar unha volta pola Muralla, continuar pola avenida da Coruña e de novo rematar en Garabolos. Pretenden que sexa unha xornada para xuntar aos afeccionados da velocidade, un hobby ao que consideran xa un estilo de vida, ademais de incentivar o mundo das motos e dar a coñecer a cidade.