O Grupo Lence recibe o III Premio de Economía

LugoXa | SarriaXa
O MIHL acolleu hoxe o acto de entrega do III Premio Economía do Consello Galego de Economistas ao Grupo Lence
Premio Economía Lence
17 Nov 2022

Hoxe tuvo lugar a entrega do III Premio Economía do Consello Galego de Economistas ao Grupo Lence, un acto celebrado no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) no que participou o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca e no que subliñou que “o bo facer” da compañía lucense “leva sendo dende hai case medio século un factor capital para o desenvolvemento e o progreso da provincia de Lugo”.

A gala contou ademais coa presencia da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente do Consello Galego de Economistas, Miguel Vázquez Taín; o decano do Colexio de Economistas de Lugo, Salustiano Velo Sabín, e o Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, entre outras autoridades.

José Tomé felicitou ao Grupo Lence e á súa conselleira delegada por este galardón. “O seu compromiso con Lugo, a súa aposta pola modernización e o seu apoio en cuestións sociais de todo tipo, nomeadamente no deporte, converten ó Grupo Lence nun exemplo e nun motivo de orgullo para todos e todas os lucenses.

O presidente destacou ademais que traxectoria empresarial da compañía “demostra que se pode construír un modelo de éxito dende esa Galicia interior á que ás veces, como pasa con outras rexións interiores de España, se lle cuestiona a capacidade, e, sobre todo, proba que se pode ter éxito dentro das regras de beneficio que marca a economía de mercado, sen renunciara aos obxectivos de mellora social ós que aspiramos todos os que estamos comprometidos coa defensa do estado do benestar”.

Tomé Roca sinalou que, aínda que “a primeira vista, a economía parece unha ciencia bastante árida, quen temos a responsabilidade de elaborar e de executar orzamentos públicos, sempre temos presente a dimensión humana desta disciplina”. Nese sentido, apuntou que “a economía é unha poderosa ferramenta de transformación social. Un elemento indispensable para mellorar a realidade e a vida das persoas, e para converter en realidade o futuro  que desexamos para o territorio e para as seguintes xeracións”, engadindo que “así o entenden o Grupo Lence e a súa conselleira delegada”.

Citou o mandatario provincial os argumentos do Consello Galego de Economistas para conceder o galardón empresa lucense, que “destaca pola súa  capacidade de transformación, de innovación e de eficiencia, dende un vínculo claro e firme cos valores tradicionais do rural lucense e galego, dos que parte para deseñar estratexias competitivas nos mercados globalizados do século XXI”.

Os retos do sector primario

Explicou que “o sector primario é un eixo prioritario nas políticas públicas de apoio aos sectores produtivos que desenvolvemos na Deputación de Lugo, e compartimos a filosofía do Grupo Lence, que, xunto co respecto á tradición e á nosa materia prima, leva tempo poñendo o acento na xeración de produtos e de elaboracións que crean valor engadido”.

Sinalou que este é precisamente o gran reto para a provincia porque “contamos cunhas materias primas de primeiro nivel en sectores como o lácteo, o cárnico, a pesca ou a produción madeireira”, e necesitamos “procesos de diversificación e de transformación que aporten valor e que coloquen a nosa oferta nun novo nivel, que a fagan máis atractiva, en máis mercados e que provoquen un maior retorno económico”.

Uns procesos que, segundo expuxo o presidente, “teñen que xurdir do diálogo e da colaboración entre a administración, as empresas e o coñecemento  ue aporta a investigación universitaria”. Puxo como exemplo o “caso de éxito” do Campus Terra, “un entorno de colaboración entre a explotación e o laboratorio, no que queremos seguir avanzando no futuro”.

O presidente tamén recoñeceu o traballo que desenvolve o Consello Galego de Economistas “co seu análise, os seus estudos e iniciativas coma este premio, axúdannos a desenvolver propostas de progreso para Galicia”.

0.21707582473755