O grupo Loco Mía ofrece un concerto gratuíto en Lugo

LugoXa
Como previa á actuación do grupo posto en marcha por Xavi Font, actuarán o DJ Frisco e Marcos Peón
lugo-Día-Orgullo
lugo-Día-Orgullo
10 Xul 2024

Baixo o lema “Lugo sen armarios”, Lugo celebrou o Día Internacional do Orgullo cunha campaña que reivindica a diversidade e os dereitos de todas e todos, independentemente da súa orientación sexual. Dentro deste programa, a concellería de Igualdade e Inclusión do Goberno local ten prevista ademais a actuación do grupo Loco Mía, todo un referente da música electrónica e pop de finais dos anos oitenta e primeiros dos noventa, que marcou un fito pola súa estética transgresora, o seu vestiario e estilo propios.

Será o 19 de xullo, como parte do programa municipal para celebrar o Día do Orgullo, na praza Horta do Seminario cun concerto que comezará ás 21.00 horas coas actuacións do DJ Frisco e de Marcos Peón, para despois dar paso á actuación do novo grupo Loco Mía, posto en marcha polo entón creador do conxunto primixenio, Xavi Font.

A campaña posta en marcha polo Executivo de Paula Alvarellos, a través da área de Igualdade e Inclusión con motivo do Día Internacional do Orgullo, acumula máis de 31.000 reproducións nas diferentes canles online do Concello. Con esta iniciativa, o goberno local busca reivindicar a diversidade e os dereitos de todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual. Para iso, a concellería que dirixe Ángeles Novo instalou durante unha semana cinco armarios noutras tantas prazas da cidade, nos que a través de códigos QR no interior de cada armario, se deu visibilidade ás historias de varios lucenses, de distintas idades, sexos e profesións.

0.19082713127136