O Grupo Popular de Lugo visita as obras de mellora do estadio Anxo Carro

Os deputados do Grupo Popular Elena Candia, Cristina Sanz e José Manuel Mato achegáronse ao estadio Anxo Carro para comprobar o avance das obras de mellora que a Xunta de Galicia está a levar a cabo.
Os traballos, cun investimento próximo aos 3,6 millóns de euros, buscan que o estadio estea listo para o inicio da tempada 2026-2027 e inclúen a construción de novas gradarías en toda a instalación, adaptadas á realidade urbana e ás necesidades actuais do Club Deportivo Lugo e da súa afección.
A reforma permitirá aumentar o aforo nun 20 %, pasando dos 5.400 espectadores actuais a preto de 6.500. Entre as actuacións destacan a construción dunha nova grada no fondo sur con capacidade para máis de 1.300 persoas e melloras nas tres gradas existentes, centradas en accesibilidade, funcionalidade e seguridade.
Con todo, gran parte da afección lucense criticou a visita dos deputados, sinalando que a lentitude das obras é evidente e que a reforma resulta insuficiente. Algúns comentaron que “é unha pequena reforma do estadio”, mentres outros apuntaron que deixar descubertas as gradas General 1 e 2 é inaceptable cun clima como o de Lugo, que o aforo mínimo debería establecerse en 8.000 persoas e que o proxecto non contempla novos videomarcadores.