O edificio Impulso Verde mantén en tensión aos grupos políticos de Lugo

LugoXa
Los usos que tendrá el edificio Impulso Verde mantiene en tensión a los grupos políticos de la ciudad de Lugo.
Edificio Impulso Verde
9 Feb 2022

O Grupo Popular de Lugo solicitou ao goberno aclaracións “para que vai servir o edificio Impulso Verde cuxa construción está a piques de finalizar”. Antonio Ameijide recrimina a improvisación e o malgasto de fondos públicos “a alcaldesa gasta case dous millóns de euros en dous anos nun edificio de equipamento que non sabe para que se vai a utilizar”.

O popular detalla que “comezaron a tramitación en 2019 e varios anos despois, co edificio case acabado seguen sen poder respondernos nin de forma oficial, nin informal a que se vai a destinar este edificio”.

O viceportavoz popular Antonio Ameijide aínda que coincide en que “é positivo que se traballe para facer unha cidade máis respectuosa co medio ambiente” resúltalle rechamante “que se monte un edificio ecolóxico, referencia da cidade verde de Lara Méndez, nunha rotonda chea de coches e á beira de varias superficies comerciais”. Os populares explican que “o edificio pode ter os premios de arquitectura que se queiran, ninguén discute a calidade ou o sistema construtivo ou mesmo o deseño, pero o edificio Impulso Verde nin está integrado no medio, nin ten unha utilidade para os lucenses”. Ameijide asegura que “coñecendo o ego da alcaldesa todo apunta a que o Edificio Verde que impulsa é unha obra para gañar un titular e para perpetuar o seu paso pola alcaldía do mesmo xeito que o foi no seu momento o MIHL de Orozco”.

O PP anuncia que pedirá explicacións en comisión sobre o uso do edificio e sobre que partido sacaranlle os lucenses así como os custos de mantemento. “É moi agradable sacar fotos de inauguracións de edificios verdes pero hai que ser serios para que este inmoble non pase á colección de edificios sen uso ou abandonados que ten o bigobierno de Lugo”. O popular referíase aos paneis do Ceao que nunca chegaron a funcionar e onde o PSOE gastou 800.000 euros; ou o edificio infrautilizado do MIHL no que se gastaron 11 M€ ou ben o edificio abandonado do Auditorio de Magoi.

“O bipartito de Lugo fai ao revés, primeiro gástanse os millóns de euros que lles chegan de Europa nun Edificio Verde fora de contexto, mentres tanto a decisión sobre o seu contido segue sendo unha incógnita”, razoaba o viceportavoz popular.

A adxudicación do Edificio Impulso Verde financiado con fondos europeos adxudícase o 26 de agosto de 2020. No edificio gástanse 1.713.931,14 € e na parcela hai unha previsión de gasto de 179.922 €. O prazo de execución era de 15 meses con que a obra xa levaría un atraso de 3 meses.

Ante estas informacións, o tenente de alcaldesa Miguel Fernández afirmou que o primeiro edificio público construído na súa totalidade con madeira lucense e cuxa eficiencia enerxética será do 75%, terá unha parte expositiva do modelo de cidade e do que representa o inmoble en todos os ámbitos da sostibilidade así como do resto das iniciativas activadas no marco do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico. “Unha estratexia na que resulta clave a educación e a concienciación cidadá para avanzar na configuración das cidades máis fortalecidas ante o cambio climático”.

“O certo é que Europa valorou especialmente deste edificio, que xa é un referente en Galicia, en España e tamén a nivel internacional, e de todas as accións do LIFE de Lugo que sexan proxectos replicables noutras cidades de tamaño medio, así como a súa capacidade para trasladar coñecemento e, de feito, o edificio, aínda sen rematar, ten xa unha "axenda propia" de visitas de colectivos profesionais, institutos, axencias, institucións, universidades, outras administracións, etc, que están solicitando o seu coñecemento 'in situ'. Por iso resulta tan importante esta zona expositiva”, sostivo o edil.

Pero, ademais, o Impulso Verde, “contará cunha parte administrativa, un espazo de reunións e unha área de coworking de empresas vinculadas coa bioeconomía e a economía circular consonantes coa transformación do municipio e, polo tanto, cunha gran proxección económica” aclarou.

De feito, Fernández instou ao PP a “recuperar a coherencia”, tendo en conta que “a propia Xunta vén agora a sumarse xa oficialmente á aposta liderada polo Concello de Lugo de potenciar o uso da madeira como elemento construtivo e sostible nas novas edificacións, que dende hai seis anos defende a alcaldesa, Lara Méndez, para basear a industrialización dos territorios aproveitando as súas potencialidades, como no noso caso é o uso da madeira, tanto dende un punto de vista económico, por ser a nosa provincia a principal produtora forestal de toda a comunidade, e tamén polos resultados que a súa aplicación está a ter na loita contra a emerxencia climática”.

Con respecto a súa localización, o portavoz do Goberno local lembrou que “foi avalada polo criterios dos técnicos municipais, conforme se trata dunha zona en expansión, xerme do que será o primeiro barrio multiecolóxico de España e, por tanto, o seu deseño non obedece a ningún tipo de improvisación senón a un modelo de cidade de futuro que, actualmente, é recoñecido a nivel nacional e internacional, por moito que lles pese”, rematou o edil quen tamén considerou que se hai un exemplo evidente de despilfarro e malgasto de fondos públicos este non é outro que a Cidade de Cultura”.

A construción do Impulso Verde está na súa fase final mentres fican pendentes de iniciar as obras de urbanización da parcela que ocupa, xa licitadas.

0.16765403747559