O Gustavo Freire acolle un festival de maxia o vindeiro mércores

LugoXa
O festival A Maxia do Eixo reunirá a recoñecidos ilusionistas galegos e portugueses no Gustavo Freire o vindeiro mércores con entrada gratuita
Portada final
8 Abr 2023

O auditorio municipal Gustavo Freire acollerá o vindeiro mércores, 12 de abril, a partir das 20.00 horas o festival A Maxia do Eixo, dentro da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. “A cita reunirá a recoñecidos ilusionistas galegos e portugueses nun espectáculo cheo de fantasía que abraiará por igual a pequenos e maiores”, avanzou a alcaldesa, Lara Méndez.

Neste senso, a rexedora subliñou que “contaremos co talento das dúas beiras do río Miño, coas actuacións dos magos e magas galegas Lore Lavand, Dani Polo e o Mago Rafa; xunto cos seus compañeiros e compañeiras portugueses Ta Na Manga e Solange Kardinaly, quenes despregarán todos os seus trucos para facernos vivir a maxia en primeira persoa”.

Deste xeito, a ilusión e a fantasía uniranse nun espectáculo para todas as idades, no que estes recoñecidos artistas, cada un co seu estilo propio, realizarán unha exhibición do seu talento. O acceso será gratuíto ata completar o aforo do recinto. As persoas interesadas en asistir deberán recoller a súa entrada de balde no punto de información do centro comercial As Termas, con un máximo de dúas entradas por persoa.

Toda a información sobre esta actividade, así como do resto da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico pode consultarse a través da páxina web  onde se atopan actualizados os horarios, ubicacións e datas das diferentes iniciativas que terán lugar ao longo do ano na cidade amurallada.

a A Maxia do Eixo
0.16695809364319