O Gustavo Freire pon á venda os bonos para a súa programación cultural
A programación teatral que terá lugar no Auditorio Municipal durante os primeiros meses de 2023 xa está lista e dará comezo o vindeiro 12 de xaneiro. As entradas xa están a venda e ademais haberá bonos a un prezo de 48€ nas actividades para público adulto e de 20€ para as actividades adicadas a público familiar, que permitirán acceder ás distintas actividades.
No caso do ciclo Primeira Infancia, o bono terá un prezo de 10€ e para as actividade de danza do ciclo LED, 18€. As persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG terán un desconto do 30% nas actividades para público adulto.
A programación inclúe en total 37 actividades, con 16 propostas para público adulto, 6 enmarcadas no ciclo Lugo en Danza e 15 para público familiar. Para acceder ao recinto será preciso adquirir entrada no portal entradaslugo.es ou de maneira presencial na oficina municipal de turismo, cun prezo de 5€ nas actividades para público adulto e 3 nas actividades familiares.
"Quixemos poñer o foco nas producións de artes escénicas de mellor calidade feitas en Galicia, que serán o fío condutor da programación, e contaremos tamén con obras internacionais de calidade contrastada", explicou Maite Ferreiro, que engadiu "esta programación está pensada para o deleite das amantes do teatro e para facilitar un achegamento a esta arte por primeira vez, traendo a Lugo o mellor do teatro galego xunto cunha coidada selección de propostas premiadas en importantes festivais".
Como novidade, a área de Cultura organiza o ciclo de teatro para a Primeira Infancia, cunha proposta cada mes do chamado teatro para bebés, que contará con dous pases de cada función.