O HULA acolle a reunión anual da Sociedade Galega de Medicina Intensiva
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou onte no acto de inauguración da XXXIV Reunión Anual da Sociedade Galega de Medicina Intensiva (SOGAMIUC) que acolleu o salón de actos do Hospital Lucus Augusti de Lugo (HULA).
Unha apertura na que tamén estivo presente a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente de SOGAMIUC, Pedro Rascado; o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e a xefa do servizo de Medicina Intensiva do HULA, Ana María Ferreiro.
A Deputación de Lugo colabora con este evento gravando a través do Servizo de Audiovisuais os relatorios e facilitando o transporte das máis de cen persoas que participan e chegan dende diferentes puntos do territorio galego.
Tomé Roca explicou que a institución provincial apoia “todas aquelas iniciativas que, coma esta, contribúen a consolidar a Lugo como sede de congresos e simposios de primeiro nivel. Facémolo dentro da nosa aposta pola cultura, pola innovación e polo coñecemento. Unha aposta coa que demostramos que a provincia de Lugo ten moito potencial”.
O Presidente subliñou que “somos unha potencia agrícola, gandeira e forestal, somos unha potencia turística, pero tamén temos un gran potencial en investigación, ciencia e innovación, con facultades públicas que son referentes internacionais, e un Hospital público coma este, de primeiro nivel”.
O mandatario provincial cualificou de boa nova que o encontro da Sociedade Galega de Medicina Intensiva teña lugar de novo de maneira presencial, logo de que a pandemia da Covid-19 limitase en anos anteriores a súa celebración, e convidou ás persoas participantes a aproveitar para descubrir os “moitos atractivos patrimoniais e gastronómicos desta terra”.
Amosou o seu recoñecemento ao papel que os sanitarios na pandemia, dun xeito especial aos que tiveron e teñen que intervir na primeira liña nas UCIs. “Esta xuntanza inclúe no seu programa o debate acerca do tratamento de enfermos da Covid, o que é unha oportunidade de reflexionar e de afondar nos coñecementos obtidos ao longo dos últimos dous anos”, indicou.
O mandatario provincial manifestou que os responsables públicos “temos que estar sempre pendentes de reunións profesionais coma esta, porque estes encontros deben servir de base para deseñar as políticas públicas de sanidade para poñer en marcha as accións preventivas que nos permitan estar mellor preparados cando chegue outra crise; para promover o sistema asistencial que mellor garanta o acceso á saúde do conxunto da poboación; para planificar, en suma, os investimentos e os procesos de modernización que a sanidade pública require”.
Nese sentido engadiu que, se as persoas “lle facemos caso ao noso médico ou médica cando o consultamos como pacientes, os responsables públicos temos que ter moi presentes as opinións e recomendacións das organizacións médicas e sanitarias porque non hai que chamalas unha vez, cando chega unha crise, senón que hai que escoitar aos profesionais todo o tempo, para evitar que esas crises se produzan ou, polo menos, para ter adoptado a tempo as medidas que permitan minimizar o seu impacto”.