O HULA acolle o acto de benvida aos 72 novos residentes que se formarán nos tres hospitais da provincia

LugoXa
A cifra supón un récord histórico na incorporación de especialistas en formación no ámbito provincial
hula-hospital-lugo
6 Jun 2025

A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos celebrará ás 13:00 horas, no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), o acto de benvida aos 72 novos residentes que se incorporan á formación nos tres hospitais da provincia e nos centros de Atención Primaria acreditados para impartir docencia. A cifra supón un récord histórico na incorporación de especialistas en formación no ámbito provincial.

Dos novos residentes, 30 pertencen á especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria, mentres que outros 38 desenvolverán a súa residencia en especialidades hospitalarias como Cardioloxía —que por primeira vez contará con dous residentes—, Otorrinolaringoloxía —que se incorpora á formación MIR este ano—, así como Traumatoloxía, Oncoloxía, Xinecoloxía, Oftalmoloxía e outras.

Tamén se incorporan Enfermeiros Internos Residentes (EIR), que darán comezo á súa formación en distintos dispositivos asistenciais da área. Con estas incorporacións, o total de profesionais en formación especializada na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte supera os 300 residentes.

O acto está organizado pola Comisión de Docencia do Complexo Hospitalario Universitario de Lugo e pola Unidade Docente Multidisciplinar de Atención Familiar e Comunitaria de Lugo.

Programa do acto de benvida aos novos residentes

O acto comezará ás 13:00 horas coa intervención de Ramón Ares Rico, xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, quen será o encargado de abrir a sesión.

A continuación, ás 13:10 horas, os residentes internos María José Lamas Vázquez (MIR de Aparato Dixestivo) e Rolando Páez Celestrín (MIR de Medicina Familiar e Comunitaria) darán a benvida aos novos compañeiros.

Ás 13:20 horas tomarán a palabra a directora de Enfermería, María Jesús Pérez Taboada, e o director asistencial, Fernando Fernández Lamelo.

Uns minutos despois, ás 13:25, intervirán a xefa de estudos da Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria de Lugo, Pilar Rodríguez Ledo, e o xefe de estudos da Unidade Docente do CHU de Lugo, José Manuel Couselo Villanueva.

Ás 13:35 terá lugar a presentación oficial dos novos residentes que se incorporan este ano á área sanitaria.

O acto pecharase ás 14:00 horas coa intervención de clausura a cargo do xerente e cunha sesión fotográfica conmemorativa.

⚙ Configurar cookies
0.15350604057312