O HULA acolle unha xornada informativa sobre esclerose múltiple

O vindeiro mércores 28 de maio, ás 13.00 horas, celebrarase unha xornada informativa sobre a esclerose múltiple no Salón de Actos do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
Esta actividade, enmarcada dentro da Xornada de Esclerose Múltiple, contará coa participación do persoal de neuroloxía do propio hospital e do traballador social da Asociación Alucem.
Durante as charlas abordaranse os distintos recursos sociais dispoñibles na provincia de Lugo para as persoas diagnosticadas con esclerose múltiple e os seus familiares, ofrecendo información útil sobre apoios, servizos e axudas que poden mellorar a súa calidade de vida.
O encontro está pensado tanto para pacientes como para o público en xeral, polo que dende a organización animan a todas as persoas interesadas a asistir e informarse sobre esta enfermidade e os mecanismos de apoio existentes na contorna.