O HULA activou un centro de crise 24 horas para as mulleres víctimas de violencia sexual

LugoXa
Trátase dun servizo que facilita a intervención especializada e acompañamento integral en función da demanda das usuarias
centro-de-crise-violencia-de-xenero-hula
28 Jul 2025

A Xunta de Galicia reforzou a atención ás mulleres vítimas de violencia sexual cun Centro de Crise 24 horas que funciona desde o pasado mes de decembro no Hospital Universitario Lucus Augusti. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións e explicou que “están sempre abertas, en calquera momento os 365 días do ano, para as usuarias que o precisen”.

O centro dispón dun orzamento de 500.000 euros para este exercicio, e conta cun equipo de carácter multidisciplinar formado por sete profesionais, que ofrece intervención especializada de tipo psicolóxico, social ou xurídico, así como acompañamento integral, mesmo no acceso a outros recursos sanitarios, sociais, policiais ou xudiciais.

Para o acceso aos centros de crise non se necesita denunciar nin estar en
disposición de facelo. Está destinado a mulleres maiores de 15 anos,
independentemente de cal sexa a súa situación administrativa, que vivisen
un intento ou unha situación de violencia sexual, recentemente ou no
pasado, os seus familiares e persoas da súa contorna íntima; o obxectivo é prestar asistencia á vítima en función das súas circunstancias, demandas e necesidades, impedindo a vitimización secundaria.

Ademais da atención presencial, hai un teléfono de garda 24 horas -o número 982 29 67 61- e tamén se pode contactar co servizo mediante o enderezo electrónico centrodecrise.lugo@xunta.gal.

O acceso debe ser voluntario e pode producirse por iniciativa da propia interesada ou por derivación doutros recursos, como os Centros de Información á Muller, servizos comunitarios, xulgados, forzas e corpos de seguridade ou entidades sociais que traballan neste ámbito.

⚙ Configurar cookies
0.16864800453186