O HULA celebra dez anos de hemodiálise domiciliaria cunhas xornadas que destacan os seus beneficios emocionais

O Servizo de Nefroloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti conmemora o décimo aniversario da implantación da hemodiálise domiciliaria na área sanitaria de Lugo cunhas xornadas que se desenvolverán durante dúas sesións.
Os actos comezarán o venres 20 de xuño cunha inauguración oficial no Vello Cárcere de Lugo, presidida polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico. Despois, o doutor Jesús Calviño Varela, xefe do Servizo de Nefroloxía do HULA e impulsor desta técnica, relatará a evolución e consolidación da hemodiálise domiciliaria desde a súa introdución en 2015 ata hoxe.
A segunda xornada terá lugar o sábado nas instalacións do propio hospital, onde se abordarán os avances clínicos e humanos arredor deste tratamento.
Un dos puntos destacados será a presentación dun estudo elaborado por nefrólogos e investigadores do propio servizo do HULA en colaboración cunha psicóloga sanitaria da Universidade de Santiago de Compostela. A investigación amosa que os pacientes con enfermidade renal crónica que reciben Tratamento Renal Sustitutivo (TRS) no seu domicilio, mediante técnicas como a diálise peritoneal ou a hemodiálise domiciliaria, presentan unha menor afectación emocional, con menores niveis de ansiedade e depresión, en comparación cos pacientes que realizan hemodiálise hospitalaria ou que recibiron un transplante renal.
Segundo os resultados obtidos, existen diferenzas estatisticamente significativas na frecuencia e intensidade dos síntomas depresivos e ansiosos segundo a modalidade de TRS empregada. Na actualidade, o tratamento renal substitutivo pode levarse a cabo mediante transplante, hemodiálise en hospital ou diálise no fogar, sendo esta última opción cada vez máis valorada polos seus beneficios tanto clínicos como psicolóxicos.