O HULA desenvolve un programa piloto que evita o desprazamento ao hospital dos enfermos de cancro
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou o espírito innovador do Hospital Universitario e Lugo, plasmado no Hospital de Día e no Proxecto de Inmunoterapia a domicilio. O conselleiro recoñeceu que tiña especial interese en visitar o Hospital de Día de Procesos, xa que se trata dun modelo asistencial innovador, con bos resultados e que serve de referencia para o conxunto do Servizo Galego de Saúde.
No ano 2017 a dirección do HULA decidiu unificar o hospital de día de xeriatría e o hospital de día médico nun único hospital de procesos, co obxecto de conseguir unha asistencia máis integral e un aproveitamento máis eficiente dos recursos. O seu modelo de funcionamento consiste en organizar a actividade en función do proceso asistencial sen compartimentar servizos. Deste xeito, a enfermería non está asignada a ningún servizo específico, senón que é compartida e atende os distintos procesos.
Este sistema permite unhas coberturas moi amplas, incluíndo procesos asistenciais distintos para os diferentes tipos de pacientes: os que teñen múltiples ingresos, os que padecen insuficiencia cardíaca complexa, os de xeriatría, e os de neuroloxía e de enfermidade pulmonar obstrutiva crónica. Gómez Caamaño puxo en valor os datos asistenciais desta unidade, que reflicten a eficacia deste modelo, posibilitando incrementar notablemente o rendemento dos hospitais de día que antes funcionaban de xeito separado. Lembrou que o pasado ano este hospital de día de procesos atendeu case 11.500 consultas.
Inmunoterapia a domicilio
O conselleiro de Sanidade tamén coñeceu de primeira man outro proxecto do Servizo Galego de Saúde que se está a desenvolver como programa piloto no Hospital Universitario de Lugo. Trátase do Proxecto de inmunoterapia a domicilio, unha iniciativa innovadora que conta coa colaboración dos servizos de Oncoloxía Médica, Hospitalización a Domicilio e Farmacia. Gómez Caamaño referiu que este proxecto está a testarse nun grupo de pacientes aos que se lles prescribe un fármaco específico.
Estes doentes residen na contorna urbana de Lugo e recibiron sen problemas polo menos tres doses do medicamento no hospital de día de Oncohematoloxía. Incidiu en que se trata dun sistema que marca unha diferenza substancial de calidade para os enfermos de cancro, aos que se lles evita o desprazamento ao hospital para recibir o tratamento. Neste sentido, avanzou a vontade da Xunta de ampliar este programa a doentes con tratamentos máis complexos e a estendelo a outras áreas xeográficas.
Gómez Caamaño puxo en valor o esforzo do equipo directivo e dos profesionais do Hospital Universitario Lucus Augusti, “que están a situar este centro na vangarda en dous sistemas de referencia para todos”, subliñou. O titular de Sanidade da Xunta visitou o Hospital de Día de Procesos do Hospital Lucus Augusti, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva; e o xerente desta área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares.