O HULA, escenario dun foro sobre a importancia dos ensaios clínicos
“En Galicia temos exemplos de iniciativas innovadoras no ámbito dos ensaios clínicos que nos sitúan á vangarda nesta materia e que nos fan sentirnos orgullosos e nos animan a continuar por este camiño”. Así o manifestou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no acto de inauguración da Xornada: Ensaios clínicos. Transformando os retos en oportunidades, que organiza a Academia Europea de Pacientes para a innovación terapéutica (EUPATI), con motivo da conmemoración do Día Internacional dos Ensaios Clínicos.
Na inauguración deste encontro, celebrado no Hospital Lucus Augusti, o conselleiro estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e polo presidente de EUPATI, David Trigos. Gómez Caamaño remarcou que se pode facer investigación de altísimo nivel, como é o caso deste centro sanitario. No foro, que ten como obxectivo poñer o foco sobre a importancia da investigación e os ensaios clínicos no progreso da asistencia sanitaria á sociedade, destacou o estudo GalFlu, pioneiro no conxunto do Estado, e que desenvolve a Consellería de Sanidade co Grupo de Xenética, Vacinas e enfermidades infecciosas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, para avaliar a eficacia da vacina da gripe de alta carga en persoas maiores.
Logo de demostrarse a eficacia da vacina antigripal de alta carga en maiores de 80 anos en reducir os casos de gripe, hospitalizacións e complicacións asociadas, o obxectivo agora, -dixo o conselleiro-, é o grupo de idade entre os 65 e 79 anos. De comprobarse que a vacina de alta dose é máis efectiva que a de dose estándar, Gómez Caamaño sinalou que a cidadanía galega desta franxa de idade será a primeira en poder beneficiarse desta vacina de alta carga.
“Tanto en España como en Galicia podemos presumir da calidade da nosa sanidade pública grazas, en gran medida, porque o noso sistema ten un dos seus piares fundamentais na investigación que busca de xeito permanente resultados en saúde”. Así pois, “impulsar ensaios clínicos permite incorporar novos medicamentos con plenas garantías, coñecendo a súa eficacia, valorando novas indicacións e avaliando a súa seguridade a longo prazo”.
Na súa intervención no acto de inauguración, o conselleiro remarcou que Galicia participa, aproximadamente, no 23% dos preto de 1.000 ensaios clínicos con medicamentos que se autorizan anualmente en España. Ademais, o sistema público de saúde galego está presente noutras actividades de investigación, como son os estudos observacionais con medicamentos, os de mostras biolóxicas ou os epidemiolóxicos con datos de saúde.